Ir o contido principal
iniciar sesión

4º Concerto Urbanita no Marco de Vigo

Desde a súa inauguración o día 3 de febreiro, a exposición URBANITAS vai acompañada dun programa de concertos nun dos patios, que ademais de exhibir as obras de cinco artistas relacionados coa arte do graffiti, durante estes meses serve de escenario para distintas actuacións.

O primeiro concerto desta serie ‘Urbanitas a escena’ tivo lugar en febreiro coincidindo coa inauguración da mostra, e foi seguido doutras actuacións os venres 3 de marzo (con O Fillo Pausado, Jiménez del Oso e DJs DOSE), e o 7 de abril (TAB, Austria e Dj Sinsalaudio).

O programa para o venres 5 de maio é o seguinte:

• COLECTIVO ARKESTRA (Vigo) + MWËSLEE (Vigo) + ARMADILLO (Vigo)
Data: venres 5 maio
Lugar: patio 1, sala de exposición da planta baixa
Horario: ás 21:00
Entrada: de 1€ a 3€ segundo tarifas (válida entrada do MARCO dese día)

21:00 Maik (sesión DJ)
21.30 MWËSLEE
22:00 Bluecat (sesión DJ)
22.30 ARMADILLO

Colectivo ARKESTRA (Maik + Bluecat)

O Colectivo Arkestra nace en Vigo no ano 2005 como unha iniciativa dos seus membros, implicados en diferentes aspectos da música. Arkestra tenta achegar ao público sons descoñecidos para a sociedade actual, que teñen contribuído –ou están a contribuír– á evolución da música popular, así como os xéneros que á súa vez teñen desembocado en subxéneros ata chegar ás vangardas actuais. A busca incesante de novas formas e sons e a exploración en profundidade do pasado sonoro –pasando polo jazz, o soul, o funk, o hip hop e a electrónica– son os piares sobre os que se asenta este colectivo. Oficialmente defínense como unha sociedade cultural, integrada por membros fixos que á súa vez contan co apoio de destacados colaboradores.

As sesión correrán a cargo de Maik e Bluecat –un paseo polo soul, a electrónica e o hip hop– que serán os encargados de enlazar os concertos deste día.

MWËSLEE

Dende Vigo, Mwëslee presentaranos o seu Megaplast e.p. (Kindred Spirits 06); hip hop instrumental cun toque electrónico cheo de musicalidade.

ARMADILLO

Bflecha, a carón de Gael G. Pintos, presenta Armadillo; hip hop electrónico feito en Vigo, unha colaxe de sampledelia contemporánea.

Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO)