Ir o contido principal
iniciar sesión

O Campus de Lugo dispón dunha Oficina de Relacións Exteriores para dinamizar a mobilidade estudantil e acoller aos bolseiros estranxeiros adscritos ás súas titulacións

Deste xeito, dáse resposta ao interese da comunidade universitaria xa que, por exemplo, nos últimos dous anos triplicouse o número de alumnos participantes en programas de intercambio coa Unión Europea, cifra que se pretende incrementar nos vindeiros cursos.
O traballo desta unidade caracterizouse ata o de agora pola difusión da información relativa aos programas Sicue e Erasmus, para o que foron organizados seis coloquios en diferentes centros do campus. Nestas intervencións, tamén se lle proporcionou información aos asistentes sobre as dotacións económicas do programa Sócrates ao tempo que se resolveron moitas das inquedanzas e dúbidas que os estudantes teñen á hora de completar a súa formación noutras universidades, tanto españolas como europeas.
Aínda que o traballo máis destacado da Oficina de Relacións Exteriores fai referencia aos programas de mobilidade estudiantil, a súa actividade tamén abrangue os intercambios docentes e a inserción da Universidade de Santiago en redes internacionais de investigación. En calquera caso, polo seu volume cabe salientar a relevancia do traballo relativo aos programas Sócrates, Sicue e Isep, sen perder de vista que na actualidade a USC ten asinados máis de 200 convenios con outras universidades de todo o mundo.
Ademais, esta dependencia administrativa tamén asume o seu rol de porta de entrada dos estudantes e profesores estranxeiros vinculados ás titulacións impartidas no Campus de Lugo. Para acadar este obxectivo, a Oficina de Relacións Exteriores trata de resolver todos os problemas que se lles presenten e apórtalles a información que precisen para facilitar a súa integración.
Gabinete de Comunicación USC