Ir o contido principal
iniciar sesión

Galileo Teatro presenta na Sala Yago O avaro, de Molière

Esta montaxe que xira en torno á avaricia está na Sala Yago o xoves 11 e o venres 12 de maio ás 20.30h, o sábado 13 ás 22.30h e o domingo 14 de maio ás 19.00h.

"O Avaro" é considerada como unha das pezas máis importantes de Molière, destacando pola mestura de escenas con carácter case dramático con escenas abertamente hilarantes. Todo o esforzo creador do autor concéntrase na recreación do xeito de vida do personaxe principal, Harpagón, dominado polo pecado da avaricia.

Esta cobiza obstinada do protagonista lévao a enfrontarse aos seus seres máis queridos e convertelos nos seus inimigos.

Pese ao tempo transcorrido desde a primeira estrea de "O Avaro" no ano 1667, asumo o reto de levar ás táboas esta obra clave nunha época como a nosa na que, en nome da avaricia presenciamos os actos máis desprezables que pode cometer o ser humano.

Neste "Avaro" que nos dispomos a representar hai fondas leccións de vida. Que nos falan do máis profundo e íntimo de nós mesmos e do máis grande defecto de todos os tempos: a avaricia, o pecado capital que nos leva a realizar as accións máis censurables.Esta obra é un agudo bisturí que nos permite diseccionar todo o horror ao que nos conduce a cobiza, e entrar no máis profundo da nosa psique. A avaricia ten levado ao ser humano a agudizar o máis escuro e criticable da súa condición.
Sala Yago