Ir o contido principal
iniciar sesión

Amplíase o prazo de preinscrición para o concurso ¿Cómo te imaxinas na USC? na súa modalidade de sitio web

Crear unha canle para que os estudantes poidan expresar as súas inquedanzas académicas e profesionais. Ese ven sendo o obxectivo básico do concurso ¿Cómo te imaxinas na USC?, unha iniciativa da Universidade de Santiago posta en marcha a través do Programa A ponte entre o ensino medio e a USC. Destinado tanto a rapaces de 4º de ESO como de ciclos formativos e bacharelato, o concurso, nas modalidades de relato, cómic e páxina web servirá para poñer a proba tanto as habilidades creativas, expresivas, como de dominio técnico dos distintos participantes.
O número de inscritos ata o momento na modalidade web achégase á vintena de equipos, todos eles procedentes de institutos de toda Galicia, primando as provincias de A Coruña e Lugo. Así, diante desta boa acollida amplíase o prazo de preinscrición nunha semana, isto é, ata o vindeiro día 1 de marzo, polo que os interesados aínda poden facer chegar as súas propostas a través do correo electrónico a aponte@usc.es. Os equipos que se presenten nesta modalidade non poderán participar nin no concurso de relatos nin no de cómics.
Os premios previstos, ordenadores portátiles para os gañadores e axendas electrónicas na categoría de mención, serán entregados en distintos actos públicos que a USC organizará nas súas facultades, colexios maiores e residencias. Cada modalidade, páxina web, relato e cómic recibirá ó seu galardón en ambas categorías, primeiro premio e mención.
Gabinete de Comunicación USC