Ir o contido principal
iniciar sesión

Estudantes universitarios poden participar en visitas didácticas a espazos naturais galegos para aproximarse aos seus ecosistemas e a etnografía da zona

Os participantes nesta iniciativa efectúan visitas didácticas a espazos naturais como O Barbanza, Ortegal, A Costa da Morte, os Canóns do Sil, O Carballiño, o Xares, San Xoán de Río, A Guarda, Pontecaldedas ou as Illas Atlánticas. Ao longo da súa estadía nestas áreas xeográficas, os estudantes reciben información sobre os ecosistemas, aproxímanse á etnografía da zona e visitan as áreas de maior interese arqueolóxico.
A inscrición no Programa Espazos Naturais custa 20 euros e os posuidores do Carné Xove (que se pode tramitar nas propias Áreas de Información Xuvenil) ou do Carné Máis teñen un desconto do 20%. Neste prezo inclúense o aloxamento en réxime de pensión completa en cuartos de uso múltiple, actividades con monitores e a navegación. Os interesados terán que preinscribirse por teléfono na Dirección Xeral de Xuventude para formalizar a súa reserva nas Osix da Universidade de Santiago nun prazo de 48 horas.
As visitas celebraranse de venres a domingo entre o 2 de abril e o 27 de xuño. A reserva de praza quedará aberta ata que se esgoten as prazas ofertadas. En cada unha das rutas están previstos grupos de 22 persoas por fin de semana, agás na de O Carballiño que só admite 20 e na das Illas Atlánticas onde só poden participar 15.
Gabinete de Comunicación da USC