Ir o contido principal
iniciar sesión

O IES O Couto, de Ourense, o Antón Losada Diéguez, da Estrada, e o CEIP Mestre Rivera Casás, de San Cibrao, gañadores dos Premios Consumópolis

Alumnos do CEIP “Mestre Rivera Casás” de San Cibrao e dos IES “O Couto” de Ourense e “Antón Losada Diéguez” da Estrada recibiron en Santiago os premios que os acreditan como gañadores da fase autonómica do concurso sobre consumo responsábel Consumópolis, organizado polo Instituto Galego de Consumo, organismo autónomo da Consellaría de Innovación e Industria, e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, acompañado das directoras xerais de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, e Comercio e Consumo, Ana Rúa, e da xerente do Instituto Galego de Consumo, María Xosé Teixeiro, presidiu a entrega de premios do concurso que se celebrou hoxe na Escola Galega de Consumo.

Consumópolis –certame dirixido a escolares de idade comprendida entre 10 e 16 anos e promovido en primeira instancia polo Ministerio de Sanidade e Consumo a través do Instituto Nacional de Consumo– ten como obxectivo a divulgación, entre os máis novos, de hábitos de consumo reflexivo, saudable e crítico, que teñan en conta o respecto ao contorno ambiental e ao noso contorno social, fomentando daquela a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo. Segundo destacou Fernando Blanco, esta actividade lúdica pretende contribuír á formación de consumidores conscientes, solidarios e responsábeis para o que “é preciso seguir –apuntou– as catro C: Coñecer, comprender, comparar e consumir”. O conselleiro de Innovación e Industria agradeceu o esforzo dos alumnos e tamén dos centros participantes e do seu profesorado, “que consegue que dentro da aula se traballe e se reflexione sobre os aspectos do consumo de forma crítica”.

O concurso desenvolveuse en dúas fases: unha primeira na modalidade on-line, competindo con centros educativos de todo o Estado, e unha segunda centrada na elaboración dun xogo de mesa. En total participaron 23 centros de toda Galiza en equipos de traballo que aglutinaron a 350 alumnos e que deron lugar na segunda fase do concurso a 22 xogos de mesa presentados. O equipo do CEIP “Mestre Rivera Casás” obtivo o primeiro premio na categoría de Terceiro Ciclo de Educación Primaria, mentres que o IES “O Couto” fíxoo na de Primeiro Ciclo de ESO e o IES “Antón Losada Diéguez”, na de Segundo Ciclo de ESO. Os tres centros foron premiados con 1.000 euros cada un e os seus traballos representan a Galiza na fase estatal que se celebra en Madrid. O xurado recoñeceu tamén ao IES “O Couto” co segundo e terceiro premios na categoría de 1º ciclo de ESO, e ao IES “San Rosendo” co terceiro premio na de 2º ciclo de ESO, categoría esta última na que o segundo premio foi declarado deserto. A contía dos segundos premios foi de 600 euros e a dos terceiros, de 300.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia