Ir o contido principal
iniciar sesión

Un seminario analiza na Facultade de Dereito as políticas de inmigración e asilo na Unión Europea

Este seminario está dirixido polo catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais e titular da Cátedra Jean Monnet de Dereito da Integración Europea, Jorge Pueyo Losa, e polas profesoras de Dereito Internacional Público Teresa Ponte Iglesias e Isabel Lirola Delgado.
A primeira sesión deste seminario celebrarase mañá xoves, día 4, tomando como referencia temática as cuestións sobre inmigración e asilo na axenda da Unión Europea. Esta primeira xornada do seminario estará impartida polo profesor Jorge Pueyo Losa, e por Camen Buján Freire, vocal asesora da Dirección Xeral Consello de Seguridade do Ministerio de Asuntos Exteriores.
O seminario reanudarase o día 11 de marzo para tratar a inmigración ilegal na Unión Europea. Nesta ocasión intervirán a profesora de Dereito Penal da UNED, Alicia Gil Gil, e o inspector xefe do Corpo Nacional de Policía e xefe da Sección Operativa de Estranxería da Comisaría de Pontevedra, José Dositeo Gallego y Blanco.
Segundo o programa previsto, a seguinte sesión celebrarase o día 25 de marzo, nunha xornada adicada ao tema Os nacionais de terceiros estados na Unión Europea. ¿uns cidadáns de segunda clase?. Esta sesión correrá a cargo da profesora de Dereito Internacional Público Isabel Lirola Delgado.
Para o día 1 de abril, o seminario abordará os elementos dunha política de inmigración na Unión Europea, analizando a problemática dos menores e a reunificación familiar dende unha perspectiva práctica. Esta sesión estará impartida pola asesora xurídica do Gabinete de Información a estranxeiros de CITE-Comisiones Obreras e investigadora da Universidade da Coruña.
O día 15 de abril, o seminario estará adicado ao tema Os solicitantes de asilo no espazo de liberdade, seguridade e xustiza, coa intervención da profesora de Dereito Internacional Público da USC, Isabel Lirola Delgado. Finalmente, o seminario rematará o día 22 de abril, cunha xornada na que se analizará a situación dos refuxiados e desprazados na UE. A profesor de Dereito Internacional Público da USC, Teresa Ponte Iglesias, será a encargada de impartir esta sesión.
Este seminario está dirixido a alumnos de 3º, 4º e 5º de Licenciatura e posgraduados, e a alumnos de último curso de Diplomaturas e a Diplomados. As sesións desenvolveranse de 18:00 a 20:30 horas na Aula 6 da Facultade de Dereito. A asistencia a este seminario será recoñecida con dous créditos de libre configuración para os alumnos da USC.
Gabinete de Comunicación USC