O Igape convoca 20 bolsas de promoción exterior para facilitar a especialización de titulados e apoiar a internacionalización da empresa galega

Poden presentar a correspondente solicitude para estas bolsas de promoción exterior as persoas en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias (superior ou media): Arquitectura, Bioloxía, Ciencias do Mar, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Economía, Dereito, Ciencias Políticas, Física, Enxeñería ou Química. As bolsas estarán dotadas cunha cantidade base anual de 20.400 euros brutos, podendo ascender ata 46.920 € segundo o país e cidade de destino.
Os aspirantes deben ser naturais de Galicia, ter en Galicia a súa veciñanza administrativa cunha antigüidade superior a 24 meses ou ser descendentes en liña directa (ata o terceiro grao) de emigrantes galegos no exterior. Tamén deberán acreditar o domino (falado e escrito) dalgunha das seguintes linguas: alemán, francés, inglés, italiano ou portugués; neste sentido, os candidatos ás bolsas deberán realizar unha proba, que terá carácter eliminatorio, do idioma escollido.
Os seleccionados recibirán unha formación teórica e práctica no ámbito internacional ao mesmo tempo que, desde os seus destinos e baixo a coordinación do Igape, prestarán apoio ás empresas galegas na súa busca de novos mercados e no establecemento de acordos con empresas estranxeiras. Entre as funcións dos bolseiros destacan a procura de oportunidades de negocio, a investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras e a detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia.
A duración inicial das bolsas de promoción exterior será dun ano, aínda que poderá ser prorrogada polo Igape por seis meses adicionais, en consideración á programación de actividades do Instituto e aos resultados acreditados polo bolseiro. Os bolseiros terán como destino físico algún dos Centros de Promoción de Negocios do Igape no exterior (CPN´s), algunha das Oficinas Económicas e Comerciais de España no estranxeiro (OFCOMES) ou outras institucións económicas nacionais ou estranxeiras. Entre os lugares onde estiveron bolseiros do Igape na anterior convocatoria figuran China, Chile, Estados Unidos, Portugal, Polonia, Xapón, Finlandia ou Alemaña.
Para a selección dos bolseiros valorarase especialmente o expediente académico dos candidatos e o coñecemento do idioma escollido, aínda que tamén se considerará a experiencia profesional previa e maila formación específica en comercio exterior dos solicitantes preseleccionados.
Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía da Xunta de Galicia)