Ir o contido principal
iniciar sesión

O conselleiro de Traballo aposta pola concertación social como elemento crucial de presente e futuro

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, clausurou na cidade olívica o acto académico de graduación da promoción 2003-2006 de diplomados en Relacións Laborais pola Universidade de Vigo, onde ofreceu unha clase maxistral baixo o título As relacións laborais: unha ollada no futuro.

No acto, que se desenvolveu no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, tamén estiveron presentes o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o secretario xeral da Consellería, Xosé Vázquez Portomeñe, e o delegado provincial de Traballo en Pontevedra, Pedro Borrajo.

Na súa intervención o responsable de Traballo felicitou aos novos diplomados pola finalización destes estudios “que vos habilitan para unha incorporación ao mercado de traballo en condicións cualitativas de formación e de volume de coñecementos óptima”, asegurou.

Varela fixo unha reflexión sobre as liñas que caracterizan as relacións económicas e comerciais do mundo actual, e explicou que “a Concertación Social é un dos elementos máis cruciais e clave á hora de deseñar as políticas laborais, tanto no presente coma no futuro” e engadiu que aposta pola concertación social como elemento crucial de presente e futuro”.

Segundo o titular de Traballo, a realidade actual aconsella abordar os problemas de forma participativa fora de posicións unívocas, algo especialmente importante se nos referimos ás relacións laborais. Nese senso, o conselleiro recordou que hai máis dun ano a nivel estatal, e en Galicia dende hai sete meses, púxose en marcha o proceso de concertación social, no que está implicado o Goberno, asociacións empresariais e organizacións sindicais. Segundo declarou Varela, “estes procesos son algo total e absolutamente necesario se se pretende reformar e modernizar o mercado de traballo, xa que non hai reforma posible se non se establece un acordo serio cos protagonistas das relacións laborais, como son os axentes sociais”.

Ricardo Varela explicou aos presentes que unha característica básica de todo o proceso de concertación é a de ceder parte do poder decisorio do Goberno ás regras negociadoras e o pacto con organizacións empresariais e sindicais. “Trátase de corresponsabilizar na resolución dos grandes problemas a quen van ser artífices da súa aplicación con éxito, polo que é necesaria unha confianza recíproca entre os piares da concertación social, así como un compromiso e unha implicación de todos os intervenientes no proceso”, declarou o titular de Traballo.

Así, os obxectivos que debe alcanzar o proceso do Diálogo Social son favorecer o crecemento do emprego, fomentar a estabilidade, reducir a sinistralidade, mellorar os tecidos productivos, crear máis infraestructuras e máis benestar e cohesión social.

Así mesmo, na súa intervención Ricardo Varela salientou a importancia do factor humano na organización actual do mundo da empresa e sobre todo, da formación, da información e da participación. “Hoxe en día, a formación non se orienta só a posibilitar a obtención dun emprego senón que tamén ao mantemento do seu posto de traballo. A formación dos traballadores é unha necesidade económica e unha esixencia social, que obriga aos sindicatos a revisar algúns dos seus postulados clásicos e aos empresarios a considerala como unha inversión e non coma un custo” reclamou o conselleiro.

O conselleiro manifestou nesta liña, que se pode asegurar que “os traballadores non cualificados son os primeiros candidatos ao paro, ao mesmo tempo que os parados non cualificados teñen maiores probabilidades de converterse en parados de longa duración”.

Nese senso, Varela asegurou que unha das esixencias do futuro será utilizar mellor que ata agora o potencial de rendemento e creatividade dos empregados, polo que será preciso “descubrir camiños para a prolongación da formación e da cualificación profesional, de acordo cunha realidade empresarial en rápida transformación e crear incentivos para o despegue das facultades individuais mediante unha oferta diferenciada de postos de traballo”.

Ricardo Varela asegurou que durante os dous últimos decenios o traballo ou mesmo a oportunidade de obter un emprego e de vivir del, pasa a ser o ben económico máis escaso, co que o traballador está disposto a empregarse no marco de meirandes niveis de precariedade laboral, polo que hai que “recoñecer que as novas modalidades de contratación atentan seriamente contra a segunda función, xa que en ocasións conteñen elementos de precarización laboral importantes”.

Na súa intervención o titular de Traballo fixo alusión a unha nova modalidade laboral o teletraballo e sinalou como parte dos efectos que producen estas novas formas de traballo “a contratación dos empregados baixo modalidades atípicas, o que fan que non teñen iguais dereitos que os traballadores con contrato ordinario, menos estabilidade no emprego e menos estabilidade contra o despido e distintos niveis de remuneración, ademais de representar unha debilidade sindical”.

Así mesmo, Varela referiuse á influencia das tecnoloxías no axuste e nas actividades dos cadros de persoal, na reordenación das categorías profesionais, na rotación laboral, “pois de ser excesiva é incompatible cunha formación sistematizada e continua, e por último, tamén influíron na retribución, xa que alí onde os procesos de cambio son máis fortes, maior é a tendencia a favor de sistemas nos que as percepcións variables teñen un maior peso”.

O responsable de Traballo fixo alusión á situación actual da emigración e á necesidade de crear na poboación de acollida un ambiente favorable á recepción e comprensión dos inmigrantes e simultaneamente un clima adecuado para o desenvolvemento de sociedades multiculturais. Asegurou que existen certas contradiccións entre o comportamento político e as prácticas actuais sobre os mercados de traballo, xa que “dise non aos novos inmigrantes pero si á man de obra barata”.

Antes de rematar a súa intervención Ricardo Varela asegurou que “só traballando en base a unha política de consenso, creada sobre unha cultura de compromiso, a transacción e o acordo pode contribuír á solución dos problemas internos da empresa e os problemas políticos do entorno na que a empresa se move”, e engadiu que “a eses elementos habería que engadir o da solidariedade e os esforzos de redistribución da riqueza que, sobre todo no plano internacional, converter hoxe nunha necesidade imperiosa, se non queremos hipotecar gravemente o noso propio futuro, o futuro do mundo hoxe desenvolvido”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia