Pérez Touriño destaca que o Goberno galego quere converter Galicia nun país de retorno a través de medidas de apoio á xente nova

Pérez Touriño sinalou “que queremos unha Galicia que poña fin á lacra secular da emigración e queremos ser un país de retorno”, remarcou o titular do Goberno autonómico. Por iso, para lograr este obxectivo, o Goberno galego está a pór en marcha un conxunto de iniciativas dirixidas á xente nova.
Pérez Touriño referiuse en concreto á liña de axudas para cursar estudos universitarios e de posgrao en universidades galegas, que conta cun orzamento para este ano de 320.000 euros. Trátase, segundo explicou Touriño, de ofrecer aos galegos no exterior a posibilidade de obter unha titulación no sistema universitario galego para poder desenvolver o seu labor tanto en Galicia coma no seu país de residencia e fomentar a formación especializada das persoas con estudos universitarios. As contías das axudas acadarán un máximo de 5.900 euros anuais para cursar estudos universitarios e de 7.500 para o caso de estudos de posgrao.
Decálogo de actuacións e Plan de I+D
Na mesma liña, o presidente da Xunta sinalou que xa está en marcha o Plan Galego de I+D, que inclúe unha dotación específica de 240 millóns de euros coa que “pretendemos duplicar en cinco anos o número de investigadores que temos en Galicia”. Pérez Touriño explicou que gran parte deses investigadores será preciso traelos de fóra e que o obxectivo último é pasar dos 5.000 investigadores cos que conta Galicia actualmente a 10.000 no período de cinco anos.
Así mesmo, destacou que existe un decálogo de actuacións urxentes, posto en marcha pola Xunta e dotado con 124 millóns de euros, para loitar contra o desemprego xuvenil e conseguir que a xente desocupada poida obter unha cualificación e formación.
Importancia da Emigración

Pérez Touriño dixo aos rapaces que Galicia mantén con eles “unha débeda histórica”, unha débeda que a Xunta “está en disposición de asumir permanentemente” a través dun esforzo de solidariedade e cooperación mutua.
Protección do medio natural
Na recepción ofrecida aos mozos participantes no programa Descubre a túa orixe, que tivo lugar no propio complexo dunar de Corrubedo, o presidente galego tivo a oportunidade de explicarlles a aposta que está a facer o Goberno que preside pola preservación dos recursos naturais.
Emilio Pérez Touriño afondou na necesidade de realizar un desenvolvemento estudado para que a comunidade medre mellor e ordenadamente, e para facer compatibles a creación de emprego e o coidado ao medio natural. O presidente salientou ademais que o 13% da superficie de Galicia son espazos protexidos e que dispón dun parque nacional, o das Illas Atlánticas, e 6 parques naturais, ademais doutros paraxes incluídos na Rede Natura.
Descubre a túa orixe
O programa Descubre a túa orixe é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Emigración, que destina a este fin arredor de 400.000 euros, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, que aporta uns 65.000. Neste programa, do que se está a desenvolver a primeira fase, participarán un total de 315 mozos e mozas de orixe galega, con idades comprendidas entre os 14 e os 15 anos, que se desenvolverá en dúas fases ao longo deste mes de xullo.
Os mozos proceden de distintas comunidades autónomas españolas e fundamentalmente de países de Sudamérica, como Arxentina, Brasil, Chile, México, Perú, Uruguai e Venezuela. Con esta iniciativa a Xunta trata de conseguir que a mocidade de orixe galega, criada na súa herdanza cultural pero residente fóra de Galicia, redescubra a súa terra a través da súa convivencia con mozos residentes en Galicia da súa mesma idade, desenvolvendo actividades de animación sociocultural e deportivas e integrándose durante este tempo na vida cultural da Galicia actual.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia