Ir o contido principal
iniciar sesión

Pastoral do bispo de Lugo con motivo do Día do Seminario (19 de marzo de 2004)

No ambiente actual dos nosos días non é facil entendelo. Tal vez non o foi nunca. Temos sempre abertas as mans para recibir, para aceptar todo o que nos agrada, nos ilusiona ou satisfai os nosos desexos ou apetencias. En cambio, desprendernos de algo que nos pertenece e apreciamos, da-lo que, dalgunha maneira, forma parte da nosa vida, cóstanos e resúltanos penoso. ¿Cómo entender, entón, esas palabras que San Paulo pon nos labios de Xesús: Hai máis alegría en dar que en recibir? ¿Un constraste máis entre o que di e propón Xesús e o que pensamos e sentimos nós?
Sen dúbida. ¡Son tantos estes contrastes...! No Sermón da Montaña temos o mellor exemplo. O seu ditosos os pobres, ditosos os que choran, ditosos os que sofren, chocan frontalmente coa nosa mentalidade, coa nosa maneira de pensar e de vivir. Evidentemente para Xesús, a fonte da felicidade non se encontra onde nós a buscamos e queremos encontrala. E non só para Xesús e os santos inscritos no santoral. Son moitos os homes e mulleres de onte e de hoxe, verdadeiros seguidores de Cristo, que encontran a felicidade plena en dar, darse, entregarse a Deus e ós irmáns. Estos son os que nos descobren e testifican coa súa vida a veracidade das palabras de Xesús: Hai máis alegría en dar que en recibir.
Estas palabras foron escollidas este ano como lema do Día do Seminario, que celebramos o día 19, solemnidade de San Xosé, e do que desexo efrecervos algunha información.
No noso Seminario Diocesano conviven, actualmente, 126 seminaristas; 108 no Seminario Menor e 18 no Maior. Destes, 16 están realizando estudios de filosofía e teoloxía, e 2 están en prácticas pastorais. Este número de seminaristas indudablemente esperanzador, está moi lonxe de ser o ideal á vista das necesidades diocesanas.
A Nova Evanxelización ou reevanxelización das nosas comunidades eclesiais, tan necesaria e urxente, é misión e tarefa, certamente, de tódolos bautizados, pero de maneira específica incumbe ós sacerdotes. Na actualidade, sen embargo, por motivos diversos –saúde, idade, número de parroquias confiadas a cada un, etc.- os sacerdotes diocesanos escontran moitas dificultades para promover esta evanxelización e alentar e acompañar ós fieis neste labor apostólico. Necesitamos, por tanto, novos operarios, nova e vigorosa enerxía, xoves xenerosos e entusiastas, equipados cunha sólidad formación humana, intelectual, espiritual e coñecedores da rica e, a vez, complexa realidade actual.
Agora ben, todos sabemos que a nosa sociedade presenta ós nosos xoves numerosas e variadas ofertas de realización persoal máís “atractivas” e aparentemente máis prometedoras que o sacerdocio. Sen embargo a felicidade non se identifica co fácil e menos custoso. Sería bo recordar aquí unhas palabras de Xoán Paulo ós xoves, na súa última visita a España: Ó volve-la vista atrás – decía o Papa con emoción- e recordar estes anos da miña vida, pódovos asegurar que vale a pena dedicarse á causa de Cristo e, por amor a Él, consagrarse o servicio do home. Merece a pena da-la vida polo Evanxeo e polos irmáns!. Testemuño aleccionador que a maioría dos sacerdotes, aínda que débiles e pecadores, rubricamos con gozo.
¡Merece a pena ser sacerdote! ¿Dificultades? Sí, como na existencia de todo ser humano. ¿Problemas? Tamén, e algúns, ademais, derivados do ministerio ordenado e pastoral. Pero a vivencia profunda do sacerdocio e do exercicio do mesmo, entregado xenerosamente ós nosos irmáns a nosa propia vida e o que de Deus recibimos, a través da ordenación sacerdotal, son fonte perenne de gozo e felicidade. A alegría polo recoñecemento e a gratitude non é comparable á que nace da doazón de nós mesmos.
Queridos diocesanos: Con motivo do Día do Seminario, cada ano escríbovos unha exhortación pastoral. O tema varía, pero a finalidade é sempre a mesma: avivar, reavivar ou espertar en tódolos diocesanos a preocupación polas vocacións ó ministerio sacerdotal. O Señor é quen chama pero a nós, sacerdotes, seminaristas, consagrados e saglares católicos, incúmbenos a responsabilidade de axudar os nosos xoves a descubri-la posible chamada ó sacerdocio, animalos a acollela e acompañalos no proceso vocacional. A vosa solicitude respetuosa e a vosa proximidade, unidas ó testemuño dunha vida cristiá xenerosa e alegre, son sempre aldabonazos suaves e reclamos eficaz.
Esta ineludible tarefa ten que reforzarse coa súplica confiada ó Dono da Mes para que continúe sementando a axudando a crece-la semente da vocación sacerdotal no campo da nosa Diócese.
Estou seguro que todos vós, queridos diocesanos, compartides conmigo a preocupación polo Seminario e a esperanza dun rexurdimento vocacional, a pesar das circunstancias nada favorables que atravesamos. Agradézovolo sinceramente, como agradezo tamén a axuda económica coa que vides contribuíndo para a formación dos nosos seminaristas. Rógovos que a acrecentedes. Espero que así tamén vós podades testemuñar que hai máis alegría en dar que en recibir.
Que María, a Virxe Nai e o noso patrono San Xosé, exemplos de escoita, oración e xenerosidade, nos auxilien sempre.

 

.
Fr. Xosé Gómez- Bispo de Lugo