Ir o contido principal
iniciar sesión

O reitor da USC entregou esta mañá os premios do IV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores

O proxecto Loroestudio SL foi o gañador do primeiro premio do IV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, dotado con 6.000 euros, e entregado esta mañá nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro. Loroestudio, do que son promotores Manuel Rey Varela, estudante da Facultade de Bioloxía da USC, e Rosa María Berea Montero, enxeñeira técnica Naval pola Universidade da Coruña, desenvolverá animacións, programación e aplicacións en Flash e XHTML para wireless (telefonía móbil 2.5G e 3G, Pocket PC) e televisión interactiva, así como webs tradicionais.
No mesmo acto fíxose entrega dos premios aos outros catro premiados. O segundo premio, dotado con 3.000 euros, foi para o proxecto Wirelessgalicia Soluciones Inalámbricas, promovido por Xurxo Cegarra González e Antonio Álvarez Pérez, ambos os dous Licenciados en Físicas pola USC. O terceiro premio, cunha dotación de 1.500 euros, foi para o proxecto Mr Misto Films que impulsan Xoán X. Mariño Rubio, licenciado en Dereito pola Universidade de Vigo; Mikel Fuentes Vicente, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade do País Vasco; Iago Rodríguez Vázquez, enxeñeiro Informático pola Universidade A. de Nebrija; e Fátima Serrano Rodríguez, licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo.
Montserrat Carballido Brea e Alejandro Delgado Alonso, doutorandos en Química pola USC, foron os promotores do proxecto Centro de Higiene Industrial, C.H.I., SL, premiado co cuarto premio e unha achega económica de 1.500 euros. Zétesis, é o nome do proxecto merecedor do quinto premio, igualmente dotado con 1.500 euros. Os seus promotores son Mª Pilar Rodríguez Suárez, Mercedes Vázquez Bertomeu e Mar Llinares García, doutoras en Xeografía e Historia pola USC e Fátima Díez Platas, doutora en Filoloxía Clásica pola institución docente compostelá.
No acto participaron ademais a vicerreitora de Estudantes da USC, Elena Vázquez Cendón; o director xerente do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC, Carlos Hernández Sande; o xerente de Uninova, Gustavo Marcos; o director xeral de Promoción do Emprego, Manuel González Torres; o subdirector xeral de Planificación e Prospectiva, José Manuel Cotos Yañez, e o director xeral de Investigación e Desenvolvemento, Pedro Merino Gómez.
A cuarta edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores, un dos de mellor dotación económica do Estado, trata de promover a cultura emprendedora e a creación de novas iniciativas empresariais no ámbito da comunidade universitaria. Este concurso estaba dirixido tanto a estudantes como a recén titulados e a equipos de investigación de calquera das tres universidades galegas.
A esta cuarta edición do concurso concorreron un total de 90 promotores presentando 44 proxectos. Por áreas de coñecemento, o 27 por cento dos promotores procedían da área de Ciencias Experimentais, practicamente en igual proporción que os promotores da área de Ciencias Sociais, que representaban o 24 por cento. Os promotores con formación en Humanidades e Enxeñería representaban idéntica proporción, 18 por cento, polo 13 por cento dos procedentes de Ciencias da Saúde.
Os traballos premiados: Loroestudio.

Os clientes obxectivos en wireless serán fundamentalmente operadoras de telefonía móbil e outros provedores de contidos na área do ocio e o entretenemento. Polo que se refire a Internet móbil, serán medianas e grandes empresas privadas que desexen ter unha nova canle de vendas e reforzar a súa imaxe comercial para os que se elaborarían webs para internet móbil con XHTML e posteriormente en Flash, así como pequenos contratos puntuais con organismos públicos. No ámbito da televisión interactiva, os productos de Loroestudio dirixiranse tanto cara as axencias de publicidade, para as que se desenvolverán anuncios interactivos, coma cara outros provedores tecnolóxicos e de contidos con ampla experiencia neste sector. A principal vantaxe competitiva de Loroestudio é ser os primeiros en achegar aplicacións en Flash e XHTML para móbiles, algo moi pouco explotado a nivel mundial, e totalmente innovador no ámbito nacional que lle permitirá ser os primeiros en proporcionar contidos para estas plataformas, tendo en conta os contratos e contactos xa realizados.

Wirelessgalicia
O proxecto empresarial Wirelessgalicia ten como obxectivo proporcionar solucións de acceso inalámbrico a empresas, institucións e particulares así como o desenvolvemento e implantación de novos servizos de valor engadido baseados nas tecnoloxías WI-FI e a través de satélite, comezando a comercializar os productos que cumpren co recentemente creado estándar IEEE802.11g, tecnoloxía que emprega a banda ISM (2,4 GHz) de uso público e con importantes melloras con respecto ao seu predecesor IEEE802.11b. Wírelessgalicia pretende converterse no referente galego en canto ao desenvolvemento e implantación de solucións baseadas na familia de estándares IEEE802.11x, achegando o uso e disfrute destas tecnoloxías á poboación galega, participando en feiras e convencións do sector (MITE, Galicia TIC, e-Gallaecia…) impartindo seminarios, organizando coloquios, creando grupos de noticias e boletíns a través da súa páxina web, ou organizando foros, entre outras iniciativas.
Mr Misto Films
Mr Misto Films aposta por unha novedosa proposta empresarial de ocio e de difusión cultural no eido do sector audiovisual galego, que se ampara nunha viabilidade máis que asumible e necesaria para o desenvolvemento do sector audiovisual en Galicia. Mr Misto Films pretende achegar o mundo audiovisual a todo tipo de públicos, en diferentes espazos e centros de ocio a través dun circuíto (Rede Galega de Cinema Alternativo) de proxeccións espallado por toda a xeografía galega. Tamén tentará ofrecer ao mercado productos tradicionalmente pouco comercializados en salas de exhibición dos que destaca a Curtametraxe. Esta iniciativa contará cun catálogo suficientemente amplo de pezas audiovisuais e tentará facer paquetes temáticos por xénero ou mesmo por nacionalidade das pezas, ou paquetes específicos por idades.
Centro de Higiene Industrial, C.H.I., S.L
O proxecto consiste na creación dun Centro de Hixiene Industrial que constaría de dúas seccións ben diferenciadas, a de consultoría e a sección de laboratorio. O desenvolvemento do proxecto realizarase en etapas ao longo de 5 anos. Durante o primeiro ano crearíanse os servizos de Auditoría en prevención de Riscos, o Servizo de Prevención Alleo (SPA) e a Investigación de Accidentes/Incidentes. Xa que para conseguir a acreditación ENAC é necesario un mínimo de seis meses dende o inicio da actividade, no segundo ano obteríase a acreditación do Laboratorio de Hixiene Industrial o que permitiría a venda dese servicio a empresas externas. A obrigación legal de realizar verificacións e calibracións anuais dos aparellos de medición de contaminantes físicos propiciará que no segundo ano impleméntese o laboratorio coa creación dunha unidade de Calibración Acústica e de Calibración de Acelerómetros que obtería a acreditación ENAC no terceiro ano, non existindo ningunha entidade acreditada nesta última actividade en España, e so hai tres de acústica. Por último, no quinto ano crearíase unha unidade de I+D no laboratorio.
Zétesis
Este proxecto conta coa experiencia profesional das súas promotoras, que o aproveitarán para a elaboración de informes de carácter histórico, artístico, documental e etnográfico, orientados á creación e posta en valor de novos coñecementos susceptibles de aproveitamento social. Zétesis busca converterse na resposta á crecente demanda existente neste campo. Tamén inclúe dentro do proxecto empresarial ofrecer aos clientes servizos de xestión de información (records management) de creación de contidos multimedia e apoio e asesoramento na preparación e tramitación de axudas aos productos que ofrecen.
Gabinete de Comunicación USC