Ir o contido principal
iniciar sesión

O Concurso de Monólogos Monolingües esténdese ás tres Universidades galegas

Deste xeito, entre o 23 de outubro e o 23 de novembro os interesados deberán formalizar a súa inscrición para participar nesta actividade lúdica que persegue promover a reflexión sobre a situación e a problemática da lingua galega e dos seus falantes, tanto na vida universitaria como fóra dela, a partir das historias que conten. As solicitudes deben remitirse aos Servizos de Normalización Lingüística das tres Universidades.

O concurso presentouse esta mañá en San Xerome nunha roda de prensa na que participaron a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja; o vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación da Universidade da Coruña, Luis Caparrós; o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Enrique Costas; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e a responsable da Área de Dinamización deste Servizo, Isabel Vaquero.

A ‘Vennos con contos’, actividade aínda que lúdica cun claro obxectivo de sensibilización cara á lingua galega, pode concorrer calquera membro da comunidade universitaria que, cunha duración máxima de 10 minutos e 5 de mínima, conten unha historia de creación propia sobre o uso do galego na vida cotiá. A representación do monólogo desenvolverase nun acto público a celebrar o 29 de novembro na Facultade de Dereito da USC.

Xurado e premios

O xurado do certame, que valorará tanto o contido da historia coma a propia maneira de contalo, estará formado por tres membros das Universidades organizadoras e dous persoeiros do mundo da cultura. O gañador do concurso recibirá 200 € en metálico, o que acade o segundo posto 150 € e 100 € para o terceiro, ademais dunha subscrición de balde a BIBLOS-Clube de Lectores por un ano xunto con tres vales para a adquisición de libros a través deste mesmo Clube (200 € ao primeiro, 150 € ao segundo e 100 € ao terceiro).

O certame organízao nesta edición as tres Universidades galegas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e de Biblos Clube de Lectores

Éxito das anteriores edicións

Tanto a primeira coma a segunda edición deste certame de monólogos, que correron pola conta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, congregaron a centos de persoas que durante longo tempo gozaron e riron cos dezanove concursantes que desbordaron inxenio sobre o escenario.

Ao ser esta terceira edición aberta ás tres Universidades galegas, os organizadores contan con superar con creces as cifras de anos pasados, tanto de participantes coma de público.
Gabinete de Comunicación da USC