Ir o contido principal
iniciar sesión

Dous investigadores da USC premiados pola Fundación AstraZeneca e polo CSIC no V Certame Arquímedes

Os investigadores da USC Mário Rui Ferreira Gomes e Eva Docampo Cabaleiro foron galardoados co Premio Especial da Fundación AstraZeneca e cunha bolsa no Consello Superior de Investigación Científica (CSIC), respectivamente, na convocatoria do ‘V Certamen Arquímedes de Introducción a la Investigación’ promovido polo Ministerio de Educación e Ciencia.

A USC participou neste concurso con tres traballos de investigación que, de entre os cen que participaron, foron seleccionados entre os 25 que pasaron á fase final do V certame universitario ‘Arquímedes’. Así, a Universidade de Santiago, por detrás da Autónoma de Madrid, foi a segunda en pasar á última etapa deste certame cun maior número de traballos presentados.

A enxeñeira pola Escola Politécnica Superior de Lugo Eva Docampo Cabaleiro participou coa investigación titulada ‘Estudio de las aguas subterráneas y de los abastecimientos en los campamentos de refugiados saharauis de Tindouf (Argelia)’; mentres que a estudante Tamara Bello Iglesias presentou a este certame o seu traballo ‘Diseño, síntesis y medida de propiedades físicas de moléculas fluorescentes pensadas para inhibir la interacción entre la integrina VLA-4 y su ligando natural VCAM-1’. Ademais, un alumno do último ano de Medicina na USC, Mario Rui Ferreira Gomes, concursou co estudo ‘Relación entre los niveles plasmáticos de GHRelina y Resistina y la fracción de eyección en pacientes con insuficiencia cardiaca congestiva’.

Os 25 traballos que pasaron á fase final do certame ‘Arquímedes’ optaron aos dous primeiros premios de 9.200 euros que ofrece o Ministerio de Educación para as modalidades de Ciencias Físico Naturais e Enxeñarías, e Ciencias Sociais e Humanas; un segundo galardón de 6.000 euros, un terceiro de 4.000 e dous accésit de 3.000. Asemade, a Universidade de Córdoba, sede do certame, outorgou un premio especial xunto co CSIC que ofreceu tres bolsas para que outros tantos alumnos continúen as súas investigacións nos centros do Consello. Ademais, as empresas patrocinadoras do concurso, AstraZeneca, France Telecom e Gestor, concederon un total de seis premios.

Arquímedes

O ‘Certamen universitario Arquímedes de Introducción a la Investigación Científica’ ten como obxectivo premiar aos estudantes universitarios que elaboran ideas orixinais que contribúen ao desenvolvemento da investigación científica na comunidade universitaria española. Estes galardóns contan co apoio organizativo da Universidade de Córdoba, anfitrioa do certame, e coa colaboración do Consello Superior de Investigacións Científicas, así como de institucións públicas e privadas relacionadas coa investigación.


Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)