Aberto o prazo para que os centros educativos participen nas propostas de actividades para o Día das Letras Galegas
Darlle maior protagonismo á comunidade educativa nos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas é o obxectivo da convocatoria que vén de enviarlles aos centros de ensino a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dun concurso para a realización dunha exposición pluridisciplinar que aborde a obra e a época da autora homenaxeada este ano, ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu María Mariño Carou.A convocatoria diríxese a todos os centros de ensino non universitarios de Galicia e aos da Galicia exterior, tanto públicos como privados. Nas bases establécense dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes.
Con este concurso preténdese potenciar o estudo da obra e da época de María Mariño, fomentar a colaboración interdepartamental e ofrecer proxectos atractivos e orixinais de traballo nas aulas, ao tempo que se busca enriquecer a oferta de materiais existentes para o traballo na aula en lingua galega.
A exposición terá un máximo de 15 carteis e un mínimo de dez e contará, ademais, cunha guía. Para cada cartel elaboraranse unha serie de actividades que orienten a súa observación e fomenten o labor de investigación do alumnado. As propostas seleccionadas de cada unha das categorías serán distribuídas nos centros de ensino de toda Galicia. Ás dúas exposicións elixidas concederáselles un premio de 3.000 euros.
Os centros interesados en participar no concurso poderán presentar os proxectos nos gabinetes provinciais de normalización lingüística ata o día 2 de marzo. Ademais desta iniciativa, Política Lingüística distribuirá nos centros outros materiais e propostas para a conmemoración desta data.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia

