Ir o contido principal
iniciar sesión

Carlota Mera: “Quero seguir facendo o que me gusta”

Carlota Mera é unha xoven risueña e leda, afeccionada aos cabalos e á pintura. Este ano, a súa paixón pola arte levouna lonxe, concretamente a ser finalista do III Certame de Pintura Novos Valores, organizado polo Concello de Brión. O seu cadro, de trazos firmes e grandes medidas -“ten sete centímetros menos ca min de alto”- foi motivo de discusión entre o xurado que finalmente lle concedeu un diploma acreditativo recoñecendo o seu valor como finalista.

Un xinete de rostro decoñecido achégasenos desde o ángulo superior esquerdo do lenzo para avanzar cara nós montado sobre un cabalo branco. O traballo foi arduo e complexo. “O cadro é tan grande que me tiven que axeonllar para pintar as partes baixas e subir a un banco para as partes altas”, explica. “A verdade é que o pasei mal porque era Nadal e eu estaba con bronquite e claro, o cheiro a trementina e a augarrás facíanme moito mal”, engade. A idea da obra saiu dunha revista con imaxes de cabalos. “Mirei moitas revistas antes de decidirme. Tiña unha idea na cabeza e quería facer o máis parecido ao que tiña imaxinado”, comenta.

Natural de Viceso (Brión) Carlota vai a clases nocturnas a Santiago para sacar o seu titulo de Técnico en Farmacia. “Vou ao Lamas de Abade. O que eu quería facer era enfermería, pero non entrei así que aquí estou. As clases, de catro a dez, gústanme moito e sempre saco boas notas”, declara. “Na aula hai xente de todo tipo e de todas as idades. Ten o seu mérito. Cando remate, en decembro do ano que vén buscarei traballo mentres penso qué facer. Non me podo apuntar a ningún outro curso por rematar en decembro e non quero perder o ano sen facer nada así que traballarei”, comenta.

O gusto pola pintura venlle a Carlota de nena. “Con seis-sete anos fun a unha academia pero enseguida a deixei por problemas familiares. A verdade é que eu pinto sen experiencia, non como as miñas compañeiras que gañaron o concurso, que van as dúas a clases”, conta. “A verdade é que non me animo a presentarme a máis certames porque nunca se sabe o que te vas a atopar. A competencia é dura e hai xente moi preparada. Eu non teño preparación, gustaríame, pero non a teño”, confesa.

“Seguir facendo o que me gusta”. Ese é o obxectivo de Carlota. “É bonito facer o que un quere. Eu non me imaxino de maior traballando toda a vida nunha cousa que me aborrece. Quero seguir montando ao meu cabalo e pintando de cando en cando e atopar traballo do meu. Parece moito pedir pero non o é”, di.
Gabinete de Prensa do Concello de Brión