Ir o contido principal
iniciar sesión

Presentado hoxe en Lugo o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe, que canaliza a implatanción das novas tecnoloxías no ensino e a xestión do Campus Virtual

O vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión Docente, Marcelino Agís, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero presentaron hoxe, día 27, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA), que canalizará a implementación das novas tecnoloxías no ensino e se encargará da xestión do Campus Virtual da USC. Coa creación deste servizo a Universidade de Santiago procura complementar o modelo tradicional de ensino-aprendizaxe e dar resposta a demanda crecente de novas tecnoloxías de comunicación e información. Do mesmo xeito, o traballo do CeTA resulta fundamental para a adaptación da USC ao Espazo Europeo de Ensinanza Superior. Pásase dun modelo centrado no profesor a outro plantexado de cara ao alumno, segundo precisou Herrero. No acto de presentación tamén participaron, o director do CeTa, José Raúl Canay e o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, José Díez de Castro.
O CeTa naceu no mes de decembro para coordinar os recursos e a oferta da USC no eido da formación en liña. Do mesmo xeito, proporciona apoio técnico e pedagóxico na creación de materias docentes en soportes multimedia. Para a consecución deste obxectivo, os técnicos do CeTa establacerán guías de elaboración de materiais e emprego das novas tecnoloxías. Trátase dun proceso no que están implicados especialistas en pedagoxía, en deseño gráfico i en informática porque non se trata de pasar apuntes a pdf, senon aplicar un novo modelo pedagóxico, tal e como explicou Raúl Canay.
O Campus Virtual da USC tamén acapara o protagonismo deste servizo que se encargará da súa xestión e administración. Así, o traballo do CeTa estructurase en dous eixos principais: por unha banda, na organización dos contidos da e-aula; por outra, no desenvolvemento de ferramentas de traballo colaborativo. Nos últimos anos, a oferta formativa da e-aula experimentou un crecemento constante de xeito que na actualidade participan nela máis de 350 profesores e uns 9.000 alumnos.
A elección da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo para presentar o CeTA non foi azarosa, según recoñeceu Carlos Herrero, xa que trátase dun centro que foi definido por Marcelino Agís coma modélico xa que está moi implicado na imprantación das novas tecnoloxías. A presentación deste novo servizo farase nos vindeiros días en distintos centros do Campus de Santiago.
Inauguración do Cri
A presencia do Vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión Docente no Campus de Lugo tamén foi aproveitada para inaugurar o Centro de Recursos de Idiomas (CRI,) un aula multimedia que promove o estudo autónomo de linguas estranxeiras. No acto, Marcelino Agís estivo acompañado polo delegado do Centro de Linguas Modernas no Campus de Lugo, Manuel Fernández, e polo coordinador do CRI, Martin Melia.
O Centro de Recursos de Idiomas promove a aprendizaxe de linguas estranxeiras dun xeito ameno e flexible fundamentado na autonomía do estudante. O primeiro paso consiste no establecemento dun programa de estudo personalizado en base as carencias detectadas no alumno. A partir dese intre o estudante desenvolve o seu proceso de estudo da maneira que estime máis oportuna. En calquera caso, conta en todo momento co asesoramento de profesores o que lle permite fixar obxectivos a acadar e garantir o máximo aproveitamento do tempo de estudo no centro. Concíbese así o CRI coma unha modalidade de aprendizaxe idónea para os estudantes que non poden someterse a un sistema de horarios ríxidos e como un sistema de reforzo dalgunha destreza concreta para os alumnos que optan polo sistema tradicional con profesor.
No presente curso académico poderanse estudar no Centro de Recursos de Idiomas inglés e francés. O abano académico verase complementado o vindeiro ano coa implantación de estudos de alemán. Para garantir a autonomía na que se basea este centro, establécense amplos horarios de apertura tanto pola mañá como pola tarde, durante os que o alumno ten acceso ilimitado.
A matrícula no CRI está aberta tanto aos alumnos do Centro de Linguas Modernas como á comunidade universitaria e aos interesados en xeral. No caso dos estudantes da USC, cada 15 horas de actividades avaliadas e acreditadas polo seu titor seranlle convalidadas por un crédito de libre configuración.
Gabinete de Comunicación USC