Ir o contido principal
iniciar sesión

Máis de 500 estudantes de Carballo participarán o vindeiro 3 de maio en Correlingua 2004 na cidade da Coruña

A Concellaría de Normalización Lingüística de Carballo participa este ano na
organización de Correlingua, denominación que adoptaron de maneira común as
diversas carreiras en prol do idioma que se veñen convocando en todo o país.
Isto é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á
mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de
reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira
efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma
de garantir o seu futuro.
Máis de 500 rapazas e rapaces dos centros de ensino de secundaria de
Carballo participarán este ano na carreira que terá lugar o vindeiro 3 maio
na cidade da Coruña, na que se conta coa asistencia de máis de 6.000
lingua-atletas. Esta actividade é máis que unha carreira lúdico-festiva,
pois antes desenvolvéronse varias actividades previas, como o concurso "Lema
e manifesto" ou "A mocidade pola lingua", no que tamén participaron os/as
estudantes de Carballo. A carreira do día 3 é o acto de fin de festa.
Os autobuses partirán de Carballo sobre as 9.30 horas para facer a chegada á
Torre de Hércules sobre as 10.30. A carreira arrincará da Torre ás 11.15 h e
percorrerá a Avenida de Navarra, a Rúa da Torre, Campo da Leña, Costa de
Santo Agustín, Praza de María Pita, Rúa Rego da Auga, Rúa Real, Cantón
Grande, e rematará sobre as 12.00 h no Palco da Música do Xardín de Méndez
Núñez, onde se fará a lectura do manifesto e onde actuará o grupo gañador do
certame "A mocidade pola lingua" e o grupo dramático-musical Migallas.
Finalmente haberá un sorteo de agasallos entre os participantes. Os
autobuses cos participantes de Carballo regresarán á casa ás 13.30 h.
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Carballo colabora
na organización desta actividade e tamén no desprazamento dos/aslingua-atletas á cidade da Coruña.
Para máis información: www.correlingua.org
Nel -Servizo de Normalización Lingüística