Máis de 40.000 persoas participaron no VII Xuventude Galicia Net

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, destacou o éxito de participación deste certame, o máis elevado dende a súa posta en marcha, así como a boa receptividade, por parte dos visitantes, das novidades que este departamento imprimiu á edición deste ano. Maiores e mozos intercambiaron experiencias e coñecementos no eido da informática, por primeira vez nun encontro deste tipo, unha experiencia que, segundo o director xeral de Xuventude, resultou “altamente positiva”. Foron máis dun cento os maiores de centros dependentes da Vicepresidencia de toda Galiza que participaron nas actividades desenvolvidas ao abeiro do congreso. Ademais moitos mozos iniciaron os seus primeiros contactos laborais con empresas galegas do sector que estiveron representadas nos stands do congreso. Os asistentes puideron ver, tamén por primeira vez, as demostracións en vivo de dous robots da Universidade de Vigo e achegarse ao novidoso mundo da robótica.
Ademais continuouse na liña iniciada na pasada edición de potenciar o software libre, e a lingua, a cultura e o patrimonio galego tiveron un lugar destacado dentro dos contidos do evento.
Rubén Cela destacou o bo traballo levado a cabo por todo o equipo da organización do Xuventude Galiza Net, que fixo posible que estas tres xornadas, sen descanso, transcorreran con total normalidade. Anunciou, ademais, que a dirección xeral de Xuventude está estudando a posibilidade de organizar outros encontros provinciais deste tipo, que culminarían na tradicional edición do Xuventude Galiza Net no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
Premios
A oitava edición do Xuventude Galiza Net pechou as súas portas co acto de entrega de premios das distintas categorías, no que estiveron presentes, a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago; a deputada provincial da Deputación da Coruña, Raquel Jabares; a concelleira de Educación e Mocidade do Concello de Santiago, Elvira Cienfuegos, e algúns dos patrocinadores do evento.
María Xesús Lago fíxolle entrega a Ignacio Lago Fontán do premio pola Páxina Web dos Irmandiños, pola que se levou un ordenador portátil e outros complementos informáticos, xunto con vales de compra, por valor de 1.500 euros. No xogo por equipos, “Counter Strike”, o conxunto gañador foi o clan “Wait and bledd” Os seus membros repartíronse diversos vales de compra, cinco torres Asus con procesadores a 6300 megahercios, tarxetas gráficas Asus EN7600 GT, 2 xigas de memoria RAM e 160 xigas de disco duro, cun valor de 1.000 euros por cada equipo informático. O representante de márketing executivo de Asus Ibérica, Saul Cheung, fixo entrega deste lote de premios.
A concelleira de Mocidade fixo entrega do premio Quake III, que recaeu en Ignacio Rodrigo Guillén, quen se levou unha torre Asus con procesador a 6300 megahercios, tarxeta gráfica Asus EN7600 GT, 2 xigas de memoria RAM e 160 xigas de disco duro, por valor de máis de 1.000 euros. En animación 3D, o primeiro premio foi para Iván Rodríguez Arós, a quen lle correspondeu un ordenador portátil, unha tarxeta gráfica 8800 GTS, fonte de alimentación e vales de compra por valor de 1.500 euros. O premio foi entregado pola deputada Raquel Jabarés.
Na categoría de videos XGN o gañador foi Rafael Carbayeda Castro, que recibiu de mans do director de márketing de BLU:SENS, Miguel Churruca, un ordenador portátil, unha tarxeta gráfica 8800 GTS, unha tarxeta de son Audigy e vales de compra, un lote valorado en 1.600 euros. O primeiro premio de Warcraft III foi para o clan “Kenivelmaribel”. O xerente de desenvolvemento de negocio de R, Antonio Rodríguez del Corral, fíxolles entrega de dúas torres con procesadores a 6300 megahercios, tarxeta gráfica Asus EN7600GT, 2 xigas de memoria RAM e 160 xigas de disco duro, lotes por valor de máis de 1.000 euros cada un.
No decurso do acto tamén se repartiron máis premios en diferentes categorías, como no concurso de fotografía dixital, gráficos en 2D e 3D, trivial e música por ordenador, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia