Ir o contido principal
iniciar sesión

Repsol YPF convoca o II Premio de Narrativa Breve

A Refinería de Repsol na Coruña, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca a segunda edición do Premio de Narrativa Breve Repsol YPF en Lingua Galega. O galardón está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.

As bases do Premio establecen que as obras orixinais e inéditas deberán enviarse á Refinería antes do 16 de xullo de 2007, estar escritas en lingua galega, seguindo a normativa establecida pola Real Academia Galega e cunha extensión non inferior a 50 folios nin superior a 120.

Asimesmo o Premio contará cun xurado que fará pública a súa decisión en setembro do presente ano 2007, e que estará composto por persoas de recoñecido prestixio, sendo nomeado por Repsol e a Secretaria Xeral en colaboración coa Real Academia Galega, a Editorial Galaxia, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editores.

Este premio foi creado o pasado ano 2006 no desexo por parte de Repsol de contribuír ao desenvolvemento da literatura galega, e foi outorgado ó xornalista Miguel Sande pola súa obra “ Se algún día esta muller morta”. O xurado decidiu conceder un accésit a Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, pola súa obra “O insomnio dos centauros”.
Miguel Gutiérrez (portavoz Refinería Repsol YPF A Coruña)