Ir o contido principal
iniciar sesión

Os alumnos de Materias de Nivelación do curso 03-04 valoran positivamente a utilidade deste programa

As materias ofertadas no presente curso 2003-2004 foron, no Campus de Santiago, as de Iniciación ás Matemáticas (Económicas e Empresariais), e Latín e Lingua Galega; mentres que a oferta en Lugo centrouse en Debuxo. De xeito común para os dous campus, os alumnos puideron inscribirse en Física, Química e Matemáticas. O desenvolvemento destas materias de nivelación tivo lugar durante os meses de outubro a novembro cunha duración total de seis semanas. A Escola Politécnica Superior en Lugo, e as Facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Matemáticas e Química en Santiago foron os centros nos que se desenvolveron as sesións docentes deste programa.
Na convocatoria correspondente ao presente curso académico seguiron as Materias de Nivelación un total de 1.119 alumnos, dos que 282 inscribíronse en Matemáticas (Economía), 227 en Matemáticas (Campus de Santiago), e 173 en Física do campus compostelán, sendo estas as materias que máis matriculados recibiron. No Campus de Lugo, Debuxo con 106 inscritos, é a que acada máis aceptación en termos cuantitativos.
Coa vontade de analizar o grao de satisfacción dos alumnos que suscribiron estas materias, o Vicerreitorado de Calidade e Planificación Estratéxica realizou unha enquisa entre o alumnado segundo a que máis da metade dos estudantes considera que os cursos foron interesantes, resultando bastante ou moi útiles para máis de 7 de cada 10 estudantes enquisados, e bastante ou moi satisfactorio para o 64,46 por cento.
A valoración segue sendo positiva cando se lles pregunta pola carga lectiva dos cursos, xa que o 63,92 por cento considera que a súa duración foi a axeitada, elevándose ata un 69,71 por cento o caso dos enquisados que consideran que o curso favoreceu, ou non obstaculizou a súa atención cara outras materias.

Outros dos aspectos sobre os que se lle preguntou aos estudantes foi sobre si recomendarían o curso, a o que 90 de cada 100 contestaron positivamente.
Gabinete de Comunicación USC