Ir o contido principal
iniciar sesión

A Selección Galega de Pesos Olímpicos conquista cinco medallas na Copa da S.M. "El Rey" de Taekwondo

A Copa da S.M. "El Rey", celebrada este sábado na cidade de Gandía (Valencia), é o campionato máis destacado e importante a nivel nacional na categoría de Pesos Olímpicos, e os resultados desta competición puntuarán no Ranking Olímpico de 2007.

A Selección Galega de Pesos Olímpicos rematou o campionato co ouro de Estefanía Hernández (Clube Natural Sport-Riveira) en -57kg, a prata de Lúa Piñeiro (Clube Olímpic-Vilagarcía) en -67kg, e os bronces de Ileana Rodríguez (Clube Area-Vigo) en peso pesado, Eric Benito (Clube Athenas-Vigo) en -58kg e Pablo Casares (Clube Kiap-Vigo) en peso pesado, deixando a Galicia clasificada no segundo posto.

Os galegos obtiveron uns resultados relevantes coas cinco medallas conquistadas, pese á ausencia de Andrea Rica que ocupa o primeiro posto no Ranking Olímpico e que renunciou á participación no campionato para preparar o Torneo Preolímpico Mundial que se celebrará no mes de setembro en Mánchester, e a ausencia de José Antonio Carregal que ó regreso do Campioato do Mundo tivo que ser operado dunha lesión nunha extremide inferior.

A deportista Lúa Piñeiro, con tan so dezaoito anos, está demostrando unha destacable traxectoria, coa prata do Campionato de España Absoluto e o ouro do Campionato de España Universitario, ademáis deste novo triunfo. Por outra banda, a deportista Estefanía Hernández progresa da recente lesión de ligamentos, integrándose novamente na competición de alto nivel e con resultados favorables, pois xa quedara en cuartos de final no Campionato de España Absoluto, ademáis do ouro conquistado no Campionato de España Universitario e a prata do Campionato de España por Clubes.

Con estes resultados, consolídase o dominio de Galicia na categoría de -57kg, e é probable que a Federación Española de Taekwondo aposte por ésta para representar a España no Campionato do Mundo.

Mañá celebrarase na mesma cidade o Campionato de España de Técnica de adultos, no que tamén participará a Selección Galega de Técnica.




Federación