Ir o contido principal
iniciar sesión

Campo de traballo no Castro de Viladonga

Desde mediados de xullo a comezos de agosto, celebrouse no Castro de Viladonga (Castro de Rei-Lugo) un campo de traballo dedicado á arqueoloxía no que participaron 11 mozas e mozos de España, Francia e Corea, acompañados dun director de campo e tres monitores. Con este motivo organizouse unha campaña de excavacións arqueolóxicas na que participaron 5 arqueólogos e 6 auxiliares, arredor dos que xirou a actividade dos participantes no Campo.

A excavación efectuada centrouse na porta de entrada á croa do castro, e tivo como resultado material un tesouriño de trescentas
moedas que na actualidade están estudiándose, xunto con diverso
material que se data nos séculos IV e V da nosa era, época na que o Castro de Viladonga rexistrou importante actividade. Despois da
excavación propiamente dita, trabállase na consolidación da zona onde se efectuou a intervención.

O Castro de Viladonga é un dos máis importantes de Galicia, e un verdadeiro exemplo de recinto castrexo dominador dun amplo contorno da Terra Chá, con outros varios castros menores a pouca
distancia. O seu museo garda os achados efectuados nos diversos
traballos arqueolóxicos, cunha importante vertente pedagóxica para que o visitante –especialmente os nenos– poidan ter cabal idea do que foron estes xacementos e a súa longa utilización desde antes da chegada dos romanos ata a desaparición do Imperio.

Este Campo de Traballo foi organizado pola Consellería de Cultura
e Deporte e a Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia de
Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, contando coa colaboración da dirección e cadro profesional do Castro de Viladonga, e constituíu unha excelente oportunidade para achegar ós participantes á nosa historia soterrada, que pouco a pouco facilita datos de como foi a vida nesta terra hai preto de dous mil anos.
Museo Castro de Viladonga