Ir o contido principal
iniciar sesión

A ferramenta bioinformática aplicada no 11-M e elaborada pola USC será de libre acceso

A ferramenta bioinformática utilizada no caso de 11-M e desenvolta polo equipo de bioinformática do Departamento de Análise Matemática da USC será de libre acceso a partir do mes de outubro. Mentres tanto, este grupo de especialistas xa está a traballar en colaboración co Instituto de Medicina Legal na elaboración dunha nova versión deste instrumento.

Ademais deste logro, este equipo de matemáticos ven de desenvolver outra ferramenta bioinformática que xa serviu para a construción do mapa xenético do rodaballo realizado polo grupo de investigación de Xenética e Aplicacións en Clínica, Mellora e Conservación da USC. Este instrumento empregouse tamén na identificación de xenes desta especie relacionados coa resistencia a patoloxías grazas a construción dun microarray. Na actualidade, estes logros utilízanse no eido industrial co fin de conseguir reprodutores de rodaballo resistentes a certas enfermidades.

O equipo de bioinformática

Co dirixido polos profesores José A. Álvarez Dios e Antonio Gómez Tato, o equipo de bioinformática da Universidade de Santiago ten como principal obxectivo contribuír ao uso das matemáticas e a bioinformática nas investigacións xenómicas.

Por iso, ademais do seu labor investigador, este equipo tamén ofrece servizos de análise de datos de tipo xenómico e fomenta a divulgación da bioinformática mediante a organización de cinco cursos de verán e impartindo materias sobre a cuestión en diversos masters e cursos de doutoramento.

Así, a Facultade de Matemáticas da USC acolle durante o mes de setembro o obradoiro titulado ‘Curvature and variational modelling in Physics and Biophysics’ no que se explicarán os estudos dos modelos xeométricos de biomembranas e vesículas.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)