Ir o contido principal
iniciar sesión

A USC celebra o xoves, día 27, eleccións de representantes en xuntas de centro e consellos de departamento e de estudantes para o Claustro

Nestas eleccións renovaranse os sectores de estudantes de primeiro, segundo e terceiro ciclo para o Claustro Universitario, mentres que para xuntas de facultade e de escola elixiranse representantes do persoal docente e investigador non funcionario e investigadores en formación, estudantes de primeiro, segundo e terceiro ciclo, e Persoal de Administración e Servizos. Por último, para os consellos de departamento as eleccións diríxense aos sectores de persoal docente e investigador a tempo parcial e investigadores en formación, estudantes de primeiro, segundo e terceiro ciclo e Persoal de Administración e Servizos.
Para a elaboración dos censos e respecto das eleccións de representantes no Claustro Universitario os sectores son os que o constitúen na actualidade e non os definidos polos Estatutos de 2004, polo que nesta concreta elección considéranse estudantes de terceiro ciclo os matriculados en cursos de doutoramento e en etapa de tese nos tres anos seguintes ao remate dos cursos con dedicación a tempo completo. Ademais, a Comisión Electoral Central acordou que para as eleccións ao Claustro os estudantes dos títulos propios Graduado Superior en Biotecnoloxía se adscriban á Facultade de Bioloxía, os de Enxeñería Ambiental e de TIC á Escola Técnica Superior de Enxeñería, e os de Xerontoloxía á Escola Universitaria de Enfermería.
A xornada de votación
Os lugares e horarios para cada unha das votacións celebraranse en función das respectivas circunscricións electorais de xeito que as facultades e escolas alberguen entre as 10:30 e as 18:30 horas as eleccións de representantes de todos os sectores nas xuntas de centro e as de estudantes de primeiro e segundo ciclo no Claustro Universitario e nos consellos de departamento. Pola súa banda, entre as 12:30 e as 17:30 horas desenvolveranse nos locales que determinen os departamentos as eleccións de representantes de todos os sectores nos consellos de departamento, agás as dos estudantes de primeiro e segundo ciclo. Xa por último, as eleccións de representantes dos estudantes de terceiro ciclo no Claustro desenvolveranse na Sala de Xuntas do Reitorado en Santiago e na Vicexerencia do Campus de Lugo entre as 12:30 e as 17:30 horas.
Calendario
A proclamación provisional de candidatos electos producirase o 4 de xuño, contra a que se poderán presentar recursos entre os días 5 e 10 dese mes. Finalmente, o día 16 de xuño coñecerase a listaxe definitiva dos electos.
Gabinete de Comunicación USC