A asociación estudantil IESGA maniféstase en contra da suba das taxas universitarias

A coordinadora da asociación, Azucena Rodríguez, manifestou “o noso desacordo con esta suba que consideramos non só abusiva, senón tamén manifestamente inxusta para o estudantado”. Entenden dende IESGA que “nun sistema universitario coma o galego, inmerso no proceso de Boloña, no que se fomenta a responsabilidade do alumnado e profesorado no proceso de ensinanza-aprendizaxe, non se pode penalizar exclusivamente o alumnado cun incremento en segundas matrículas e posteriores de ata un 50%”.
Rodríguez tamén falou de que non se está tendo en conta a responsabilidade do profesorado, así, manifestou “semella un castigo moi esaxerado para o alumno ou alumna que suspende, sen ter en conta a responsabilidade do profesorado nestes suspensos”, e animou á Consellería de Educación a avaliar tamén a calidade do profesorado. ”Esta penalización que sofre o alumnado non é a sufrida polo profesorado cando nas avaliacións de calidade resultan estar moi por debaixo do que sería desexable”.
Ademais, segundo sinala a coordinadora de IESGA “o incremento das taxas de matrícula universitaria que non vai parello ao incremento de bolsas ou da mellora da calidade do sistema, non é dende logo unha medida de xustiza social. As taxas de matrícula non se establecen en función da renda anual, senón que son iguais para todos; aplícase o concepto de igualdade, pero déixase fóra o concepto de equidade no que o reparto se fai en función das necesidades e posibilidades”.
Para Azucena Rodríguez “esta medida semella o comezo dun camiño de volta a unha universidade de elite, universidade á que só poden acceder ou permanecer nela aqueles que dispoñen de maiores posibilidades económicas”. “Dende logo non é o que se espera dun goberno que se denomina progresista”, engadiu.
Rodríguez tamén criticou que non se contactase cos estudantes á hora de fixar a suba de taxas, ”Formamos parte da universidade igual que os outros sectores e non entendemos que non se nos consulte unha medida de tanto calado para o estudantado” manifestou.
Iniciativa Estudiantil Galega (Iesga)