Arela conmemora os dereitos dos nenos e nenas

• Realmente fai falta que nos recorden que os nenos teñen dereitos?
• Hai nenos na nosa Galicia que non teñen cubertos os seus dereitos de xeito digno?
• Na sociedade do benestar e da xustiza social que nos queremos impor, ten cabida dita celebración ou tería que ser todo o ano o día dos dereitos?
…
Pois ben, tentando dar resposta a estas inquedanzas que agroman entre os meus pensamentos, voume decatando de que aínda que en Galicia esteamos a importar nenos e nenas de países menos desenvolvidos, seguimos xirando a vista cara a outro lado cando nos atopamos COS NOSOS NENOS SEN DEREITOS, deses nenos máis desfavorecidos que non teñen detrás unha familia que mire por eles.
Estou a falar de...
• tantos e tantos nenos que seguen a vivir nas súas casas en situación de risco, sabendo todos que as ferramentas que temos para minimizar dito risco son ben escasas;
• os centos de nenos e nenas que pasan a MAIORÍA DA SÚA INFANCIA EN CENTROS DE MENORES, (algúns deles por riba dos catro ou cinco anos), sen que sexamos quen de buscarlle unha alternativa mellor;
• aqueles nenos e nenas que non son suficientemente arroupados pola súa familia, do xeito estábel e seguro que precisan para desenvolverse nun futuro como adultos libres e autónomos;
• aqueles nenos e nenas que, polas súas circunstancias persoais específicas e non dispondo de ningunha alternativa familiar, non poden ver cumprido o seu dereito a sentirse membros dunha familia, porque non hai ninguén capaz de brindarlle a súa;
• todos aqueles nenos e nenas que os nosos servizos sociais e a nosa sociedade en xeral non son quen de detectar cando o están a pasar mal, porque non somos capaces de denunciar a situación por medo a prexuízos, porque “se lles tocou vivir nesa familia”…
Por iso temos que seguir celebrando días como este, que nos aguilloan para loitar por un cambio que nos permita dicir, o próximo ano, que imos rebaixando esas cifras e ESTAS INXUSTIZAS PARA COS NOSOS NENOS E NENAS, PRESENTE E FUTURO DA SOCIEDADE DE HOXE E DE MAÑÁN.
En ARELA facémonos o firme propósito público de traballar para cambiar o rumbo destas inxustizas.
Agradecemos a difusión desta nota de prensa. Para ampliar información, diríxanse a Ángel Martínez –director de Arela- a través do teléfono móbil 627 582 567.
ARELA Iniciativas de Apoio á Infancia e á Mocidade é unha asociación que asume como misión a promoción de calquera tipo de iniciativa encamiñada ao desenvolvemento positivo da infancia e da mocidade de Galiza con problemas familiares e/ou en conflito social, desenvolvendo para iso unha serie de recursos: oito casas de familia nas catro provincias; dous centros de día na provincia de Pontevedra para menores en conflito social e o Programa de Adopcións Especiais buscámoste a ti, con sede en Santiago de Compostela. Arela atendeu, ao longo do pasado ano un total de 239 nenos e mozos galegos.
Ángel Martínez Puente (director de ARELA Iniciativas de Apoio á Infancia e á Mocidade)