Ir o contido principal
iniciar sesión

Xóvenes investigadores galegos arrasan no concurso Galiciencia

Os novos investigadores galegos arrasaron no concurso de proxectos da Galiciencia, a feira da ciencia organizada pola Tecnópole. Os alumnos dos institutos San Mamede de Maceda e Guillelme Brown de Pereiro de Aguiar, ámbolos dous da provincia de Ourense, fixéronse co primeiro e segundo premio, respectivamente, como resultado da votación realizada polos visitantes da exposición ao longo dos tres últimos días.

O proxecto gañador foi unha investigación sobre a alimentación da curuxa. “Fixámonos en que había unha curuxa vivindo no tellado do instituto e decidimos investigar sobre a fauna da zona observando de que se alimentaba ela”, explica Iván Rodríguez, alumno de primeiro de Bacharelato e voceiro do grupo gañador. Logo de recoller os restos que deixaba a curuxa unha vez que acababa de comer, déronse de conta de que a toupa era o roedor dominante na zona do seu instituto, o San Mamede de Maceda.

O segundo galardón foi para un sofisticado sistema contra incendios para edificios baseado nos circuítos de calefacción que xa está en proceso de patente. “Trátase de instalar unhas conducións no teito con detectores de fume incorporados que, en canto se activan, soltan o vapor dos tubos da calefacción e apagan o lume”, explica Alicia Vázquez, estudante de cuarto da ESO e representante do grupo de investigadores do Instituto Guillelme Brown. Deste centro, o que presentou máis proxectos, procedía tamén o gañador do premio da edición de 2006.

Os galardóns foron entregados ao final da xornada de portas abertas das actividades da Semana da Ciencia organizadas pola Tecnópole no Auditorio de Ourense. Coas 500 persoas que se achegaron durante toda a mañá en familia, en total superouse a cifra prevista de 2000 visitantes durante as tres xornadas que durou o evento.

85 investigadores de toda España

Os 85 investigadores-alumnos de Secundaria procedentes de toda España que participaron na ‘Galiciencia’ expuxeron 31 proxectos orientados a propoñer solucións para necesidades moi presentes na vida cotiá, cunha representación xeográfica que combinou 19 iniciativas galegas con 11 chegadas doutras comunidades autónomas.

En paralelo á ‘Galiciencia’, o gurú da divulgación científica Adolf Cortel transmitiulles a maxia da ciencia a un total de 1500 alumnos, que asistiron ás súas charlas experimentais e interactivas en grupos.

Ademais, o Auditorio de Ourense converteuse tamén nun laboratorio no que os rapaces de Secundaria e Bacharelato puideron experimentar coa física e a química a través de obradoiros e competir nunha ginkana dixital, na que o traballo en equipo e os coñecementos sobre ciencia e tecnoloxía lles permitiron ir superando os distintos niveis.

Por último, proxectouse un ciclo de películas con temas relacionados coa tecnoloxía que lles permitiron a rapaces e maiores achegarse dunha maneira amena a temas como as ciencias da vida, a ciencia forense, a sismoloxía ou o quentamento global.
Noemia Ortega (Tecnópole)