Ir o contido principal
iniciar sesión

480 internautas colgaron o seu epitafio en galego no concurso Galegoelogo.com

Preto de 500 persoas participaron no concurso de epitafios en lingua galega, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da web da campaña En galego tes todo por dicir. E logo! A iniciativa forma parte do programa de actuacións deseñado para promover a lingua galega entre a mocidade e nas novas tecnoloxías.

Durante todo o mes de novembro, os internautas foron deixando as súas propostas creativas, que agora se poden ver en www.galegoelogo.com. O sentido de humor, a orixinalidade e a peculiar visión da morte presente na tradición galega están reflexados nas distintas creacións. Morra a marta, morra farta, Desta non saio, Para ser bo hai que morrer ou A súa familia descansa en paz son algúns dos 480 epitafios que achegaron os participantes.

O concurso de epitafios forma parte das accións que Política Lingüística está a desenvolver para o fomento do galego entre os mozos e as mozas, tendo como soporte as novas tecnoloxías.

Ademais deste concurso, o departamento que dirixe Marisol López, tamén pechou con éxito esta semana outra iniciativa dirixida á mocidade e que estivo aberta á participación do público na web da campaña. O premio de fotografía Enfoca o Galego, un concurso para expresar en imaxes a simboloxía da lingua galega, recaeu en David Parrado. Ao certame presentáronse 228 fotografías.

As accións enmárcanse nos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece a importancia de abordar accións innovadoras que fomenten a expresión en lingua galega.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia