As Mocidades da Mesa exixen que o filme Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal teña versión galega

O obxectivo que centrará o traballo das Mocidades da Mesa nas próxima semanas será conseguir que Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal si se dobre ao galego, pois “ten todas as expectativas de ser un filme de grande éxito e o público de Galiza debe ter garantido o dereito de poder ver esta estrea no seu idioma”.
Desde a Mocidade pola Normalización Lingüística salientan que “os mozos e mozas de Galiza, especialmente nas zonas urbanas e para o noso tempo de lecer, temos poucos espazos da nosa vida nos que poidamos desenvolvernos normalmente en galego”, mais lamentan que a Secretaría Xeral de Política Lingüística “non actúa para corrixir a situación”.
Como “exemplo evidente” do que consideran unha “deixadez de funcións” por parte de Política Lingüística é que este departamento “non está a traballar para que se apliquen as medidas sobre audiovisual que contén o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que o Parlamento aprobou por unanimidade en 2004 e que recolle no seu acordo de goberno o bipartito”.
Concretamente, a entidade xuvenil lembra que o antedito Plan Xeral estabelece que se deben dobrar “polo menos 10 filmes ao ano, entre os que presenten maiores expectativas comerciais”. “Isto aprobouse en 2004, mais non é só que non se aplicase, o máis grave é que desde Política Lingüística nin tan sequera se levantou o teléfono para negociar coas distribuidoras”, argumentan.
A Mesa pola Normalización Lingüística