O reitor da USC salienta a converxencia con Europa na festividade de Santo Tomé de Aquino

Na mesa que presidía o acto tamén se atopaban o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre e os representantes dos vicerreitorados de Cultura, Investigación, Coordinación, Relacións Institucionais, Comunidade Universitaria e Infraestruturas.
Á Facultade de Humanidades acudiron tamén numerosas personalidades da vida social, cultural e política de Lugo, entre as que se atopaban o alcalde da cidade, José López Orozco, presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, deputados, senadores e parlamentarios, entre outros, ademais de membros da comunidade universitaria.
O profesor de Tomás Jiménez Juliá foi o encargado da lectura da lección maxistral deste ano, unha vez aberto o acto polo reitor e tras a actuación do Coro Universitario. Co título “A sintaxe como disciplina humana”, o docente falou da evolución da sintaxe dende o seu coñecemento, como materia para dignificar a lingua, ata a actualidade. Partindo do contexto xenérico de que a sintaxe é o estudo da linguística na súa vangarda, fixo referencia aos intentos realizados polos eruditos de utilizar os métodos científicos para o estudo desta materia. Explicou tamén que a sintaxe é unha das materias máis descoñecidas.
O acto continuou coa entrega da Insignia de Ouro da USC ao presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, empresa vinculada dende hai case unha década á Universidade de Santiago de Compostela, coa que organiza conxuntamente todos os anos o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.
Tras unha nova intervención do coro, foi o propio reitor quen pechou o acto institucional. Tras unhas verbas de recoñecemento á traxectoria de creación do Campus de Lugo, lembrou a traxectoria profesional de Álvaro Rodríguez Eiras do que destacou, ademais do seu apoio a esta institución a súa relevancia dentro do tecido empresarial lugués.
O reitor centrou o seu relatorio no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) ao que defendeu contra os seus detractores porque supón “a clonación do sistema de educación superior no conxunto dos países de Europa”. Engadiu que “harmonizar a organización da educación superior non quere dicir replicar, non se trata de que os estudos deban ser idénticos nos distintos países senón que sexan lexibles, comparables e compatibles”.
Lembrou que estes cambios nos que está inmersa a USC non significan privatizar, senón que, por exemplo e por primeira vez, “no sistema universitario español será posible estudiar un máster a prezos públicos e non de mercado”.
Despois dun extenso percorrido polas implicacións que terá o EEES, rematou insistindo na necesidade da implicación de todos os membros da comunidade universitaria neste importante cambio.
Discurso do reitor da USC Senén Barro:
Excmas. Sras. Vicerreitoras, Excmos. Srs. Vicerreitores, Ilma. Sra. Secretaria Xeral;
Excmo. Sr. Presidente do Consello Social da USC;
Ilmo. Sr. alcalde de Lugo;
Excmo. Sr. presidente da Deputación de Lugo;
Ilmo. Sr. Decano da Facultade de Humanidades;
Excelentísimas e ilustrísimas autoridades;
Corporacións e representacións;
Membros do Consello Social e da Comunidade Universitaria;
Señoras e Señores:
Boloña: informar, formar e reformar
Pasaron xa 35 anos desde a inauguración do Colexio Universitario de Lugo. Máis vida que a da maioría das Universidades do Estado español. De aquel Colexio “frío, sen biblioteca e no que chovía”, como nos recordou recentemente un dos nosos ilustres profesores, o profesor Anxo Tarrío Varela –Galicia Hoxe, 15-11-2007-, pasamos hoxe a un Campus lustroso, ben conformado e puxante. Un Campus no que se seguen a facer importantes inversións en infraestructuras: á recente posta en marcha do CACTUS-Lugo, seguirán as obras da sede do IBADER, o Centro de Investigación de Ciencias, o Edificio de Enxeñería Civil, a segunda fase da Vicerreitoría e o Centro Tecnolóxico do Sector Lácteo, no que se integrará a nosa Aula de Productos Lácteos. Un Campus no que as actividades de I+D+i permitiron captar preto de 7 millóns de euros no pasado ano.
No fermoso Campus lucense acóllenos neste día de festa a Facultade de Humanidades, a cuxa comunidade universitaria lle agradecemos a súa hospitalidade. Esta Facultade foi creada hai quince anos, a través do decreto 192/1993 de 29 de xullo. As súas titulacións de Humanidades e Filoloxía hispánica son as únicas dúas do ámbito das Humanidades nun campus eminentemente científico-técnico. Foi o primeiro Centro do Campus en por en marcha un máster oficial, o de Servizos Culturais, amplamente demandado e moi ben valorado. Realiza ademais unha importante actividade investigadora e de extensión das súas responsabilidades docentes e investigadoras, que se acrecentou nos últimos anos: congresos, cursos de verán, os recuperados cursos de primavera ou a revista Moenia –a segunda revista do noso Servizo de Publicacións en número de intercambios-, son algunhas das iniciativas que reflicten o pulo deste centro.
Hoxe, como noutras ocasións, aproveitamos este día singular para recoñecer a persoas que fan especiais achegas á nosa Universidade e singularmente ao seu Campus de Lugo. Nesta ocasión quixemos recoñecer a D. Álvaro Rodríguez Eiras o seu compromiso con esta casa e facerlle entrega da nosa Insignia de Ouro.
Segundo recolle o artigo 162 dos Estatutos, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela seralles concedida a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución. Sobresaliente é, sen dúbida, a iniciativa do Premio ARESA de desenvolvemento rural, que hai xa nove anos puxeron en marcha a USC e o Grupo ARESA, presidido por D. Álvaro Rodríguez Eiras. Desde que en 1971 crease o seu primeiro centro de distribución de fertilizantes e cereais en Montirón, o Grupo ARESA non deixou de crecer en tamaño e en novos proxectos. A traxectoria profesional do Sr. Rodríguez Eiras está chea de éxitos logrados e de responsabilidades asumidas, entre elas a de ser o primeiro presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, que está a celebrar o seu 30º aniversario, e tamén a de ser cofundador e primeiro presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.
Desde o ano 2001 o xa afamado premio ARESA de desenvolvemento rural ven recoñecendo anualmente a persoas, grupos de investigación, asociacións, institucións ou empresas que contribuíron dun modo importante ao desenvolvemento da economía rural galega. Pero por riba da transcendencia do premio e do que supón como impulso á interacción entre Universidade, empresa e sociedade nun ámbito de excepcional importancia para o noso país, o que hoxe realmente recoñecemos é a unha persoa que se sinte amiga desta Universidade, que sinte a necesidade de apoiala e prestixiala e que quere e sabe estender eses sentimentos e compromisos ao seu contorno empresarial e persoal. Por iso, benquerido Álvaro, es un moi digno merecedor da Insignia de Ouro da USC, que hoxe tiven o enorme pracer de impoñerche.
Quero tamén agradecer ao profesor Dr. D. Tomas Jiménez Juliá a súa maxistral lección “A sintaxe como disciplina humana”, e a inmediata disposición que no seu día mostrou para converterse en mestre de todos nós neste día tan sinalado para os Universitarios.
Viro xa cara ao tema deste discurso, que non é outro que o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). É ben certo que levamos tanto tempo falando del e tanto se leva ido e vido, feito e desfeito, dito e incluso calado, que poida que moitos de vostedes fiquen fartos do EEES e tamén de min. Non obstante, creo incluso un deber incidir hoxe neste tema por mor da súa renovada actualidade, agora que estamos deseñando os primeiros graos que comezarán a impartirse xa o próximo curso académico. Tamén por comprobar que a pesar de ser un tema case que manido, é aínda moi descoñecido. Descoñecido pola sociedade no seu conxunto, polo alumnado, e incluso polo profesorado. Quen temos responsabilidades académicas debemos insistir en informar, formar e reformar. Quen lles fala e o conxunto do equipo de goberno da USC estamos dispostos a facelo e a traballar cóbado con cóbado coa comunidade universitaria para obter o máximo proveito da oportunidade histórica coa que nos enfrontamos.
En todo caso, non vou a recordarlles Leis, Reais Decretos, Regulamentos ou Normas de ningún tipo. Tamén vou a evitar falarlles dos principios inspiradores do EEES, do contido concreto da denominada Declaración de Boloña -que o próximo ano cumprirá unha década-, e incluso de cómo as Universidades estamos acometendo este xa longo camiñar, que agora se acelera vertixinosamente. Se en algo disto incidirei será por inevitable ao recoller algunhas reflexións e explicacións relativas a certos prexuízos existentes en relación co EEES, e tamén erros de fondo e de forma que nacen, crecen, se reproducen, pero que parecen non morrer nunca.
Para que aprecien dun modo descarnado ao que me refiro, escoiten o que aparece escrito nun documento distribuído profusamente por un colectivo de estudantes: “Os graos supoñen unha desvalorización dos títulos universitarios e terán unha escasa saída laboral. O posgrao, que é determinante para o acceso a un posto de traballo digno, fica orientado e financiado por empresas privadas. O acceso aos posgraos require a superación dun proceso selectivo, dedicar 40 horas semanais ao estudo e pagar pola matrícula neste segundo ciclo cantidades arredor dos 6.000 euros. A discriminación económica e a eliminación de todas aquelas persoas que necesitan compatibilizar o estudo co traballo é absoluta”.
Afirmacións parecidas, aínda que en xeral menos extremistas, pululan entre o alumnado e incluso entre unha parte, ben é certo que pequena, do profesorado e do persoal de administración e servizos. Tratarei de aclarar ou cando menos de provocar a reflexión sobre algúns destes temas.
O EEES non supón a clonación do sistema de educación superior no conxunto dos países de Europa. Harmonizar a organización da educación superior non quere dicir replicar. Non se trata de que os estudos deban ser idénticos nos distintos países senón de que sexan lexibles, comparables e compatibles.
Non se trata tampouco de elaborar unha oferta de títulos a demanda dos empregadores senón máis ben a demanda dos futuros estudiantes universitarios. Non existirá un catálogo a priori de graos e posgraos senón un rexistro dinámico que irá configurándose e evolucionando fundamentalmente en función da demanda de acceso. En todo caso, cando os estudantes insisten en illar a universidade da empresa respóndolles que se son capaces de deseñarme unha sociedade sen empresas eu comprométome a deseñar a universidade que se axuste a esa sociedade.
Os que acusan ao EEES de privatizar a Universidade pública deberían ter presente que por primeira vez no sistema universitario español é posible estudiar un máster a prezos públicos e non de mercado. Tampouco o acceso aos másteres oficiais se fará por criterios elitistas, agás que a discriminación por expediente académico sexa considerada como tal.
Aparece tamén no discurso anti-Boloña que o EEES supón unha claudicación á globalización. Ignorando en qué sentido se usa nese discurso o termo globalización, permítanme que cite unha recente “Comunicación da Comisión ao Consello e ao Parlamento Europeo” -Cumprir a axenda de modernización para as universidades: educación, investigación e innovación-, na que se di que a continua globalización significa que os Espazos Europeos de Educación Superior e de Investigación deben estar totalmente abertos ao mundo e converterse en axentes competitivos a escala mundial. Neste principio inspíranse programas como os de mobilidade de estudiantes e profesionais, algo en absoluto incompatible coa aposta polos intereses e particularidades locais nos ámbitos cultural, idiomático ou social. Nesta mesma liña expresábase hai pouco o gran filósofo galo Bernard-Henri Lévy, manifestando que todo o que fai transcender ao suxeito máis alá dos seus particularismos é bo. Afirma Lévy: “Europa pode ser un remedio dos terrorismos, dos integrismos, das multinacionais, de ETA e da violencia. Pero non a Europa preguiceira de hoxe, non a Europa do “por qué non”, ... non a Europa só do euro. Si a Europa dos pobos, do dereito, das leis, do antiterrorismo, das luces”. Eu engadiría tamén, e sobre todo, a Europa do coñecemento, na que os Espazos Europeos de Educación Superior e de Investigación serán unha peza de excepcional relevancia.
As cuestións máis domésticas, relativas á organización dos títulos, á capacitación que proporcionan, ao acceso aos mesmos ou ao tránsito entre modelos, son loxicamente as que máis preocupan ao groso dos nosos estudantes. En xeral estes descoñecen que está garantida por lei a posibilidade de continuar nos estudios nos que estean matriculados. Polo tanto, os actuais estudiantes universitarios poden optar por rematar os seus estudios por calquera das dúas formas, a actual ou a dun grao, o que supón desde o meu punto de vista un privilexio e nunca un problema.
Os novos graos terán que manter un difícil pero posible equilibrio entre unha formación básica e a orientación ao exercizo profesional. Tradicionalmente as carreiras, sobre todo as de longa duración, supuxeron unha formación ríxida, canónica, tipo túnel –como a visión das galiñas, por certo-. Os graos deberán ofrecer unha formación moito máis flexible e de amplo espectro, que, iso si, despois poderá ser orientada a ámbitos de formación especializados. Refórzase así a formación fundamental por grandes ámbitos do coñecemento. En todo caso, partir dunha formación básica de espectro máis amplo non é incompatible con adquirir unha axeitada formación práctica e orientada a certos nichos profesionais, sobre todo no caso dos posgraos.
Deste xeito, os graos ampliarán en xeral as posibilidades de emprego fronte aos actuais títulos superiores, agás nos casos nos que se establezan másteres oficiais con directrices específicas que deban cursarse a maiores dun grao para o acceso a certas profesións reguladas. Pero incluso neses casos os graos deben garantir sempre o exercizo profesional e en canto ao acceso á función pública son absolutamente equivalentes aos actuais títulos superiores.
Profesorado e alumnado terán que facer importantes esforzos para adaptarse e beneficiarse dos cambios que se están xa a producir no proceso de ensino-aprendizaxe, e sobre todo aos que están por vir. Xa comentei en varias ocasións que o proceso que vamos a acometer debe ser aínda máis de aprendizaxe que de ensino; máis “discéntrico” -centrado no alumnado-, que “docéntrico” –centrado no profesorado-. Acentuarase, polo tanto, o traballo individual e colectivo dos alumnos e alumnas, pero cunha forte labor de titoría por parte do profesorado, pasando a ocupar as clases maxistrais o seu xusto espazo.
Outras vantaxes do EEES deberán ter aínda un carácter máis obxectivable. A duración real dos graos e posgraos axustarase á súa duración teórica, algo que non ocorre a día de hoxe en moitas titulacións. No cadro do EEES a autorización para poder impartir un grao comportará a asunción duns compromisos que serán posteriormente avaliados e cuxo incumprimento poderá supor a revogación da autorización a impartir dito título. Así será, por exemplo, cos compromisos a declarar relativos ao rendemento académico esperado por parte do alumnado.
As distintas actividades do proceso de ensino-aprendizaxe demandarán condicións de execución distintas, incluído o número de estudantes que se pode considerar como tamaño de referencia para a participación simultánea nunha determinada actividade. Non hai problemas especiais, por exemplo, para impartir unha clase maxistral a un cento de alumnos ou máis, e o acabamos de comprobar coa magnífica lección do profesor Jiménez Juliá. Pola contra, outras actividades docentes si requirirán de grupos reducidos que permitan unha interacción real entre o profesorado e o alumnado.
Moitas das iniciativas que deben acompañar unha axeitada e proveitosa implantación do EEES van a demandar máis recursos dos que agora temos. No discurso de San Tomé de hai un ano precisamente lles falaba da necesidade de reformular o actual Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego para abordar esta e outras necesidades e retos. O recente anuncio da Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, reafirmado posteriormente polo Presidente Touriño, de negociar neste primeiro semestre do ano un Plan de Financiamento 2009-2013 que supere o 1% do PIB galego no horizonte do mesmo, foi sen dúbida unha noticia que non por demandada deixa de ser menos apreciada. Este firme compromiso me exime de retomar este tema no actual discurso, polo que continuarei centrado no EEES.
Ademais do dereito que ten o estudantado a estar informado de todo o que acontece arredor do EEES e a súa construcción, algo no que debemos poñer todo o noso empeño, tamén debemos ter en conta que a súa opinión é moi relevante e debe, polo tanto, consultarse durante a definición da oferta docente e facerse patente na avaliación da mesma. Incluso é cada vez máis frecuente que os titulados que xa están exercendo profesionalmente sexan consultados para que aporten a visión complementaria e enormemente valiosa de quen está aplicando o aprendido durante os seus estudos. Así se fixo, por exemplo, na elaboración dos “libros brancos” que hoxe serven de referencia a moitas das propostas de graos das universidades españolas. Os procedementos para a avaliación da actividade docente do profesorado e a necesidade de acreditar as titulacións deben tamén incluír medios para pulsar a opinión do alumnado, definindo con claridade as súas consecuencias.
Pero non son só os alumnos e alumnas os que constrúen interpretacións do EEES non sempre sustentadas na realidade. No resto da comunidade universitaria tamén se producen erros de concepto e de facto. E isto é bastante máis preocupante. E máis aínda o é a actitude de quen, aínda sendo poucos, que creen que vivimos unha especie de “xarampón boloñés”, que se superará con calma queda e defensa numantina do que xa temos e de como o temos, sexan titulacións ou áreas de coñecemento.
Repasando discursos meus de hai xa algúns anos vexo neles algo de premonitorio –permítanme a pequena presunción-. Así, dicía na inauguración do curso 2003-2004, hai xa máis de catro anos, polo tanto, que estamos asistindo a circunstancias que transformarán profundamente a Universidade. O que fagamos de portas dentro será tanto ou máis crucial que o que nos veña dado, e por iso seremos os principais actores e responsables de que esta vella Universidade que tanto queremos e á que tanto lle debemos, nós e todo o pobo galego, siga a brillar e a facer brillar a Galicia.
Administrar é decidir o presente en función do pasado, mentres que liderar é decidir o presente en función do futuro. Estou seguro de que construír o futuro fatiga, pero co tempo fatiga moito máis nin sequera imaxinalo. Persoalmente, non creo en Universidades que unicamente administran. Creo en Universidades que lideran. Que son líderes en docencia, en investigación, en emprendemento.
Existe consenso en considerar que un factor importante para o crecemento económico das nacións o é a vitalidade e madurez das súas institucións de educación superior. Isto supón contar con Universidades líderes, que saben anticiparse aos cambios e sacar partido deles, e incluso que son capaces de propiciar cambios no seu contorno en beneficio propio e alleo. Estas Universidades, que podemos chamar “Universidades lince”, se contrapoñen a aquelas acomodadas –tipo camaleón-, que responden reactivamente aos cambios no contorno simplemente adaptándose a eles; tamén ás escorregadizas –tipo avestruz-, que reaccionan ante os cambios tratando de que non lle inflúan; e incluso ás narcisistas –tipo pavo real-, que actúan proactivamente, pero buscando simplemente que o contorno se adapte aos seus propios intereses.
É ben certo que historicamente o novo foi percibido con receo. Así, o “Tesouro da lingua española” de Covarrubias (1674) define o termo “novidade” como “cousa nova e non acostumada. Sole ser perigosa por traer consigo mudanza de uso antigo”. Incluso o DRAE, na súa quinta acepción, define este termo como “alteración da saúde”. Os cambios, claro está, nin aseguran o éxito nin con seguridade evitan o fracaso. En todo caso, non cambiar, permanecer á expectativa, estáticos, inertes..., garante a decadencia, o languidecer e, ao cabo, a morte. Falo dos organismos, as institucións, as empresas ou as universidades, que nestes temas pouco máis da.
A novidade tamén é frecuentemente esperada con escepticismo, e non son poucos os escépticos en relación ao EEES. Dicía Daniel D´Arc que se rañas na pel dun escéptico case sempre atoparás debaixo os nervios doridos dun sentimental. Pero o certo é que neste momento o que menos falta nos fai é dor e sentimentalismo e o que máis iniciativa e empeño. Neste sentido o noso optimismo para abordar e sacar partido dos cambios que estamos afrontando ven de contar cunha comunidade universitaria, e sobre todo cun persoal, que ten demostrado saber enfrontarse a retos difíciles e superalos con nota.
Para concluír quero recordar un proverbio africano, citado con frecuencia por José Antonio Marina, que di que “para educar a un neno, fai falla unha tribo enteira”, ao que Marina engade que “para educar ben a un neno, fai falla unha boa tribo”. Non podo estar máis de acordo, e de feito estou convencido de que para formar ben a un estudante universitario fai falla o concurso completo dunha boa Universidade. A USC é unha boa Universidade e ten que poñer todo o seu empeño en formar ben aos seus estudantes, e cada vez mellor. Para iso é necesario que sigamos empeñados en informar, formar e reformar.
Dixen
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)