Ir o contido principal
iniciar sesión

A páxina web da Universidade de Santiago conta dende hoxe cun novo deseño

A concepción da web como instrumento básico de documentación, información e xestión das aplicacións e servizos internos a disposición da comunidade universitaria e de información e comunicación coa sociedade en xeral levou á USC a implementar un novo deseño da súa páxina, remodelando así o anterior que databa de 1994. A nova imaxe da web foi presentada esta mañá en Fonseca polo reitor Senén Barro, que estivo acompañado ademais polo coordinador de Planificación Estratéxica para as TIC, Luis Coladas, e o membro do CETA, Pedro Rey.
Na actualidade a web da USC é a terceira no ‘Top 100’ de páxinas galegas, téndolle asignado o buscador Google un 7 sobre 10 no seu PageRank. O novo deseño configúraa así como un portal no que se integran as webs das distintas unidades que a compoñen (Vicerreitorados, centros, departamentos, institutos, servizos, etc). En particular, os 32 centros e os 75 departamentos da USC contan con webs que recollen a información actualizada procedente da aplicación de xestión académica, incluíndo datos sobre as 71 titulacións e as súas materias (programas, horarios), profesorado, infraestructuras, etc.

Deseño visual e estructura de contidos: O novo sitio web da USC amosa unha modernización da apariencia adaptada á nova imaxe da institución e que se completa coa implantación de novos criterios á hora de presentar os contidos e a facilidade de emprego. A reestructuración e reformulación dos contidos xa existentes vén dada pola incorporación dos Perfís de acceso que permitirán aos usuarios ter toda a información relevante para eles máis accesible. Téntase, deste xeito, que se pase dunha web meramente informativa a unha web de servizos que permitirá axilizar trámites, facilitará o acceso persoalizado á información e aumentará as posibilidades de comunicación e traballo a través da rede.
Outra das características da nova web radica na accesibilidade, fortemente dirixida ás persoas con discapacidades físicas incorporando na normativa de deseño normas que a garanten así como a unha versión específica para persoas con discapacidades.
O Xornal electrónico
O Xornal Electrónico da USC, pioneiro entre as Universidades españolas, pasa a ter un papel relevante na estructura da nova web institucional, de xeito que todo o diario dixital se integra na páxina principal da USC mantendo a práctica totalidade das súas seccións. Con máis de 4.000 visitas diarias o xornal electrónico da USC, elaborado con criterios profesionais e baseándose na transparencia informativa, cumpre unha dobre función de axuda á comunicación interna na universidade e á comunicación externa. Xurdido en 1999 e a piques de cumprir os 1.000 números editados, o Xornal Electrónico da USC acadou, cando aínda era o único diario dixital dunha Universidade española, o Premio de Comunicación ‘Novas iniciativas’ da Fundación Coca-Cola para, en 2002, ser tamén recoñecido pola Asociación para el Desarrollo de la Comunicación Interna (ADECIN) co ‘Premio ao mellor labor en Comunicación a través de internet’.
Outros aspectos relevantes: A integración de xeito sinxelo do acceso aos distintos servizos personalizados dispoñibles na rede é unha das potencialidades da nova web que permitirá, por exemplo, que os 35.000 alumnos da USC poidan, a través do servizo de Secretaría Virtual, consultar o seu expediente ou a matrícula a través de Internet así como crear e consultar a súa conta de correo electrónico ou reservar posto nas aulas de informática. Tamén a través da ‘USC Virtual’ os estudantes e profesores poderán acceder a un conxunto de recursos técnicos e pedagóxicos que teñen como fin apoiar a integración das TIC na actividade docente da USC. Estes últimos accederán ademais ás listas de clase e cubrirán as actas das distintas materias. Consultar as retribucións ou o correo electrónico será outra das posibilidades que ofrece a nova web a todo o persoal docente, investigador e de administración e servizos, que tamén poderá solicitar a participación en actividades de formación ou facer consultas sobre as mesmas. Por outra banda, ao PDI ofréceselle a posibilidade de utilizar a ‘OIT Virtual’ para a solicitude de axudas a investigación ou xestión das actividades, entre outros. Por último, e como novidade salientable, a nova web incorpora de xeito destacado a caixa de correo do Reitor co obxecto de que calquera usuario da rede poida enviar suxerencias sobre a Universidade directamente ao reitor
Gabinete Comunicación USC