Ir o contido principal
iniciar sesión

Nove titulacións do Campus de Lugo contan con límite de prazas para o vindeiro curso académico

A USC vén de abrir o proceso de matrícula para o vindeiro curso académico para as carreiras sen límite de prazas e nos títulos propios de Graduado Superior. Para as carreiras con límite, a inscrición comezará o vindeiro 21 de xullo realizándose chamamentos sucesivos, agás no mes de agosto, ata completar o número de prazas ofertadas. No caso do Campus de Lugo, as titulacións con límite para o curso 2004/2005 son Enxeñería Técnica Industrial especialidade en Química Industrial, 125 prazas; Licenciatura en Veterinaria, 130; Enxeñería Técnica en Topografía, 50; Enxeñería Técnica en Obras Públicas especialidade en Transportes e Servizos Urbáns, 50; mestre en Educación Primaria, 65; mestre en Educación Infantil, 65; mestre en Lingua Estranxeira, 50; mestre en Educación Física, 55; e diplomatura en Enfermería, 70.
No que se refire ás titulacións de só segundo ciclo, naquelas sen límite de prazas a matrícula deberá formalizarse entre o 27 de setembro e o 29 de outubro, tendo que consultar a convocatoria nas que sí teñen límite. Para os alumnos que continúan estudos establécense as mesmas datas, retrasándose con respecto ao curso pasado para garantir que todos os estudantes dispoñan das cualificacións da convocatoria de setembro.
Entre as novidades desta convocatoria sobresae a posibilidade de que os estudantes que se matriculan en primeiro curso por vez primeira poidan formalizar a súa matrícula on-line (http://matricula.usc.es/), continuando así cun proceso que comezou xa hai uns anos para o resto do alumnado. A institución académica dá deste xeito un paso máis cara a consolidación dunha administración electrónica que facilite e axilice as relacións co alumnado e con outros organismos. Así, o puxeron de manifesto hoxe en Lugo o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, o secretario xeral da USC, Joaquín Rodríguez-Toubes, e o vicexerente da institución docente, Pedro Sánchez, durante o acto de presentación da matrícula para o curso 2004/2005. Éste último referiuse á implantación da matrícula on-line como unha ferramenta máis que nos vai permitir liberar recursos e tempo para estar na primeira liña da investigación galega, española e da Unión Europea.
Para facilitar o proceso de adaptación á nova etapa académica, a USC pon a disposición dos recén chegados un curso optativo de nivelación que inclúe materias nas que se tratan temas que as facultades consideran como coñecementos específicos mínimos necesarios. Tamén no primeiro mes do curso asígnaselle a cada estudante novo un profesor titor que lle servirá de orientador durante toda a súa carreira.
Oferta adecuada á realidade galega

En canto á oferta docente, a Universidade de Santiago pon a disposición dos futuros universitarios do Campus de Lugo un abano de titulacións con fonda raigame no entorno socioeconómico, que se caracteriza fundamentalmente polo seu carácter técnico. Así, os futuros alumnos poden estudar catro enxeñerías técnicas e oito superiores, a licenciatura en Veterinaria ou o segundo ciclo de Química. En calquera caso non se descuidan outras áreas de coñecemento que van dende a Administración e Dirección de Empresas ata a diplomatura en Relacións Laborais pasando polas catros especialidades da Escola Universitaria de Maxisterio.
A adaptación das titulacións do Campus lugués aos requisitos impostos polo marco europeo en materia de estudos universitarios e á demanda das empresas reportan unha alta cualificación aos seus titulados de cara ao exercicio profesional, o que se traduce en altos porcentaxes de colocación dos seus titulados. Así, no caso das titulacións da Escola Politécnica Superior oito de cada dez alumnos que rematan estudos tardan menos dun ano en atopar traballo e destes un de cada dous colócase en menos de seis meses.
A calidade das titulacións e dos docentes encargados de impartir as materias incide de xeito directo na captación de fondos por parte dos grupos de investigación do Campus. Así, o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) xestionou o pasado curso preto de seis millóns de euros. A maior parte das actividades de I+D+i englobadas nesta cifra correspóndense con proxectos do sector forestal, do agroalimentario, do acuicultor e do da xestión medioambiental. Para potenciar aínda máis o eido da investigación, licitarase despois do vreán a creación dun servizo de investigación do Campus que aglutinará o Servizo Agrobiolóxico; o Servizo de Información Territorial; o Servizo Xeral de Investigación en Química, Física e Tecnoloxía dos Alimentos; a Oficina de Innovación Tecnolóxica e o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía.
Formación integral
A institución académica continúa consolidando a súa aposta polo desenvolvemento integral do alumnado baseado nunha oferta de titulacións adecuadas ás demandas socioeconómicas actuais e nunha ampla gama de recursos complementarios á formación reglada. Deste xeito, o Campus de Lugo posibilita a aprendizaxe doutras linguas a través do Centro de Linguas Modernas e do Centro de Recursos de Idiomas; oferta múltiples actividades para o tempo de ocio (deportes, teatro, danza, música...); facilita a conexión a internet sen fíos en todos os seus centros; pon a disposición da comunidade universitaria só na Biblioteca Intercentros máis de 60.000 volumes e máis de 1.324 cabeceiras de revistas; e ofrecelle aos seus alumnos a posibilidade de colaborar en múltiples iniciativas de carácter social a través da Oficina do Voluntariado.
Ademais, a Universidade de Santiago non esquece que dous de cada tres estudantes do Campus de Lugo proceden de fóra do concello, polo que pon a súa disposición as prazas existentes na Residencia Universitaria Bal e Gay. Ademáis, estableceu diversos convenios de colaboración con empresas de transporte de viaxeiros para abaratar os desprazamentos dos estudantes.
A importancia das estadías no estranxeiro como experiencia vital e académica tamén atopa resposta no Campus de Lugo. Así ano tras ano a USC incrementa o número de prazas ofertadas para completar estudos noutros países, ben sexan da Unión Europea a través dos programas Socrates-Erasmus, ben sexa noutros territorios grazas áo establecimento de múltiples convenios de colaboración con universidades de América, Asia ou Oceanía.
Para os que opten por continuar estudos na USC, o Campus de Lugo ofrécelles tres másteres e dous cursos de especialización. Os primeiros están relacionados coa Clínica de Animais Pequenos e Exóticos, a Prevención de Riscos Laborais, e A Xestión e Dirección de Cooperativas e Industrias Agroalimentarias. Pola súa banda, os seminarios de especialización atinxen á Especialización en Dirección de Empresas Evolucionadas e a Xestión de Cooperativas e Industrias Agroalimentarias.
Gabinete de Comunicación USC