Ir o contido principal
iniciar sesión

A USC acolle o principal foro de debate sobre os retos do deporte nas universidades españolas

Co obxecto de planificar cara onde debe camiñar o deporte universitario en España, preto de 150 especialistas participan nas Xornadas Técnicas Nacionais do Deporte Universitario, organizadas pola USC. A sesión inaugural deste encontro celebrouse o martes 28 de outubro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto que presidiu o reitor Senén Barro e ao que tamén asistiu a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; o subdirector xeral de Promoción Deportiva e Deporte Paralímpico, Antonio Montalvo, e o director da Área de Deportes da USC, Mariano García-Verdugo.

Nas Xornadas, foro principal de debate sobre os retos do deporte nas universidades españolas, presentarase propostas sobre modelos deportivos de universidades punteiras neste eido e analizaranse outras cuestións que permitan aumentar os coñecementos sobre o funcionamento, problemática e posibles solucións antes os retos que se presentan no presente e no futuro respecto da actividade física e deportiva nas institucións universitarias.

No seu conxunto, este encontro permitirá definir cara onde queren orientar as universidades españolas as súas estratexias no que respecta á actividade física e o deporte en calquera das súas facetas, con especial atención ás inquedanzas que actualmente definen os retos dos servizos de deportes destas institucións.

Deste xeito, ao longo das tres xornadas programadas presentarase o modelo deportivo da USC, as medidas de apoio aos deportistas de alto nivel con especial atención ao Programa de Atención ao Deportista, propostas de mellor e adaptación ao marco europeo ou a posibilidade de modificar o CEDU.

Programa

Logo do acto inaugural, o vicerreitor de Cultura da USC, Elias Torres, presentou a primeira das comunicacións da xornada cunha reflexión sobre a situación do deporte universitario na USC e as súas perspectivas de futuro. A continuación, Ana Ruth Domínguez, do Consejo Superior de Deportes, explicou as principais características do Programa de Atención ao Deportista (PROAD) e as particularidades do apoio aos deportistas de alto nivel.

O director do Servizo de Deportes da Universidade Autónoma de Barcelona, Andreu Benet, presentou unha serie de propostas de mellora e adaptación do deporte universitario ao marco europeo, para rematar cun debate sobre a pertinencia de modificar a actual estrutura de CEDU, tema do que se encargou o director do Servizo de Deportes da Universidade Jaume I, Carlos Hernando Domingo.

As xornadas reanúdanse pola tarde, dende as 16:00 horas, coa presentación da Rede Europea de Servizos de Deportes Universitarios (ENAS), para continuar cunha quenda na que os asistentes presentarán a súas propostas de sistemas de competición e que someterán a debate e votación. Finalmente, xa na xornada do mércores 29 celebrarase a xuntanza do Pleno do Comité Español do Deporte Universitario.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)