Ir o contido principal
iniciar sesión

A USC ofrece sesenta bolsas para prácticas en empresas europeas

Sesenta titulados da USC beneficiaranse de bolsas para realizar prácticas profesionais en empresas e institucións da Unión Europea durante os anos 2008 a 2010 a cargo da cuarta edición do Europracticum, iniciativa enmarcada dentro dos programas de mobilidade Leonardo da Vinci. O prazo de inscrición para participar na primeira fase estará aberto ata o 10 de decembro.

Destinada aos que obtiveron a súa titulación de xaneiro de 2004 a febreiro de 2009, a iniciativa presentouse este luns nunha rolda de prensa na que interviñeron o vicerreitor de relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro; e o secretario executivo do Consello Social, Beningno Carril.

Bolsas Europracticum

As bolsas Europracticum teñen unha dotación de entre 4.107 e 7.470 euros segundo o país de destino, que inclúen desprazamento, aloxamento e manutención, e son incompatibles con outras axudas financiadas pola Comunidade Europea pero non coa remuneración voluntaria que puidera ofrecer a empresa.

As prácticas terán unha duración de seis meses e a Universidade de Santiago colaborará na supervisión do seu desenvolvemento. Para participar, os interesados non deberán posuír experiencia laboral relacionada coa titulación durante máis dun ano e coñecer o idioma do país de destino, saber de informática e non ter gozado doutra bolsa do Programa Leonardo da Vinci.

Tras a inscrición no programa, os estudantes deberán pasar unha proba de idiomas e un curso de preparación pedagóxica. A continuación, os seleccionados serán entrevistados e, se as empresas están interesadas nos candidatos, comezarán a traballar en Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Polonia, Portugal ou Reino Unido.

A segunda fase do Europrácticum está prevista para o mes de abril e, en todos os casos, as inscricións deberán cumprimentarse a través da páxina web www.usc.es/csocial para logo enviar toda a documentación á sede do Consello Social da USC en Santiago ou á Oficina de Relacións Exteriores de Lugo.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)