Dez mozos de Pontevedra, Ourense e A Coruña amosan os seus deseños en Tesoira 08

Os finalistas desta edición son: Eva Soto Conde, de Cambados, coa colección ‘A arte da papiroflexia’; Mónica Bastón Paz, de Sanxenxo e residente en Pontevedra, con ‘A mente demente de Sévérine Sérizy’; Isabel Mastache Martínez, de Vigo, con ‘Sputnik’; Olalla Novoa Seisdedos, de Vigo, con ‘Pocket’; Rocío Caramés Castro, de Verín e residente en Vigo, con ‘Impresiones’; Alberto Neves Gómez, de Vigo, con ‘Compresión-Explosión’; Paula Lages Gamarra, de Vilagarcía, con ‘We can do it!’; Marcos Barra Rodríguez, de Baiona, con ‘Beuys(Génesis)’; Laura Ponce Mouriño, de Ourense e residente en Allariz, por ‘Fío a Fío’, e mais Alba Vázquez de las Heras, da Coruña, coa colección ‘Nómade’. Os deseñadores expuxeron na presentación o título das súas coleccións, que se inspiran en cuestións tan diversas coma o cine, a pintura, a papiroflexia ou a Segunda Guerra Mundial.
O delegado da Vicepresidencia da Xunta explicou que os dez finalistas foron escollidos polo prestixioso xurado integrado polos deseñadores Cristóbal Vidal, Pilar Bande, María Mariño e Jorge Méndez Galiñanes, e polos responsables académicos Guillermo Gómez Espinosa, Dolores Dopico e María del Mar Ciorraga Souto. Desta decena de coleccións seleccionadas premiaranse tres, con galardóns de 3.000, 1.500 e 1.000 euros, ademais de cadansúa bolsa de formación na industria téxtil por contías de 3.000 euros que os mozos creadores desenvolveran xunto a Cristóbal Vidal, Pilar Bande e María Mariño. Francisco Xabier Verea lembrou que “unha das liñas de traballo fundamentais da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade é poñer en marcha canles para que a xente nova poida trasladar a súa creatividade e poñela en coñecemento do conxunto da sociedade”. Deste xeito, o certame ‘Tesoira’ “está integrado xunto con outras modalidades artísticas no programa GZcrea”, no que segundo precisou a continuación Rubén Cela participaron este ano máis de 400 mozos e mozas artistas.
O director xeral definiu o ‘Tesoira’ coma un evento, “radicalmente consolidado”, pois “poucos certames poden ter ás súas costas 17 anos de vida e poucos poden falar dunha participación tan ampla nun sector tan complexo como é o da moda, onde seguimos batendo cifras aumentando un 25% a concorrencia con respecto ó ano pasado”, xa que nesta edición se rexistraron 39 participantes.
Cela apuntou “os dous piares que nos levan a seguir apostando por un evento coma o ‘Tesoira’ e facelo con máis ilusión e máis orgullo cada ano”. Por unha banda, “que sexa un punto de encontro entre o sector empresarial do mundo da moda e as novas promesas do panorama galego”, e neste senso lembrou que participantes en edicións anteriores do ‘Tesoira’ “son hoxe deseñadores de alto prestixio a nível europeo”. En segundo lugar, amosou o seu convecemento de que “no actual proceso de recesión económica, o téxtil é un sector importantísimo para a economía galega, e dentro deste é fundamental seguir a potenciar algo no que os galegos sempre seremos competitivos: a nosa capacidade creativa e de formar bos profesionais que poidan competir en calquera parte do mundo cos seus deseños”. Neste senso, o goberno galego seguirá “apostando por que nas vindeiras décadas a moda galega siga ocupando un espazo importante e privilexiado non só nas pasarelas de moda senón tamén nos establecementos comerciais”.
Tanto o director xeral de Xuventude e Solidariedade coma o delegado provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar agradeceron a colaboración da Consellería de Innovación e Industria e mais da Consellería de Cultura e Deporte no Certame Galego de Creadores Novos de Moda ‘Tesoira 2008’, así coma o apoio de Caixanova, El Corte Inglés e a Televisión de Galicia, que retransmitirá a gala final.
Exposición en El Corte Inglés
O director de Relacións Externas de El Corte Inglés en Galicia, Pati Blanco, anunciou durante a presentación dos finalistas que as coleccións dos tres primeiros clasificados no ‘Tesoira 2008’ se exhibirán nos centros que a firma ten na Comunidade “para que o gran público poida disfrutar de xeito directo destes traballos, que compartirán espazo tamén coa moda tradicional”. Blanco expresou o respaldo de El Corte Inglés ao ‘Tesoira’, no afán de “promocionar un dos sinais de identidade non soamente da nosa imaxe como país senón tamén da nosa propia economía, como é o mundo da moda”, no que “hai unha canteira moi frutífera”.
Carmen Novas (Gabinete de Comunicación Tesoira 2008)