Ir o contido principal
iniciar sesión

Alumnos de Teo gañan o concurso promocional do Ano Internacional da Astronomía

Chámanse Rubén, Ángel, Beatriz e Rafael. Son naturais e residentes en Teo e veñen de gañar un concurso estatal patrocinado polo Ministerio de Ciencia e Innovación para promocionar o ano mundial da Astronomía que se celebra durante este 2009.

E todo isto xurdiu no mes de decembro do ano pasado na asignatura optativa que se imparte no IES de Cacheiras Linguaxe audiovisual e medios dixitais. Sergio Clavero é o profesor da materia e ademais o auténtico impulsor do traballo deste grupo de mozos. Clavero leva nove anos no instituto de Cacheiras e neste momento ten a 70 alumnos na asisgnatura de linguaxe audiovisual. Clavero ten formación en Belas Artes, no campo do audiovisual e ten feito traballos e cine, sobre todo coa realización dalgunha curta.

Para o equipo gañador que é o protagonista este curso foi o primeiro achegamento ao mundo audiovisual. Segundo eles mesmos explican puideron ver como se fan as cousas no terreo audiovisual, que se pode conseguir facer produtos interesantes, e neste caso con premio.

A páxina web www.nuestroscielos.es convocou un concurso no que había que realizar un spot para promover o Ano mundial da astronomía. Esta convocatoria está patrocinada polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Sobre unha idea orixinal de Sergio, o profesor, os catro alumnos traballaron intensamente durante quince días para poder presentar o spot ao concurso. Para a realización do anuncio tamén se contou con “extras” de excepción. Concretamente no vídeo aparecen varios alumnos e mestres do IES de Cacheiras.

A sorpresa foi maiúscula entre o alumnado cando recibiron a nova de que o seu traballo levara o primeiro premio. Sorpresa, ilusión e gratitude son as impresións que teñen neste momento.

Este venres 24 de abril ademais poderase ver proxectado o spot gañador e algúns dos traballos realizados por estes alumnos de bacherelado na Mediateca de Cacheiras ás 19.30 horas. Será a primeira vez que se proxecte fóra do instituto e no acto participará o alcalde de Teo, Martiño Noriega.

Ademais da satisfacción de gañar o concurso o instituto recibiu unha cámara de vídeo e a visita dun planetario móbil como premio.

E un apunte máis. O spot gañador está realizado pola firma “Atuxuro Films”. Coidado que “ameazan” con rexistrarse e seguir traballando no eido audiovisual....
Cruz Devesa (Departamento de Comunicación do Concello de Teo)