Expertos avogan en Compostela pola reinvención dos modelos de negocio
O IV Día do Emprendedor, promovido e organizado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia en colaboración coMinisterio de Industria, Turismo y Comercio, desenvolveuse no
Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de
Compostela, co obxectivo de potenciar a cooperación entre
emprendedores, institucións e empresas como punto de partida para a
creación e consolidación de proxectos de negocio nas actuais
circunstancias de crise económica. Unhas 2.000 persoas con
vocación empresarial acudiron á cita á procura de fórmulas de
emprendemento ou consolidación dos seus negocios.
A sesión plenaria do encontro estivo presidida polo
conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, quen
destacou a vontade do seu departamento de axudar e financiar “boas
ideas e bos equipos” e non só grandes empresas. O conselleiro
referiuse á súa traxectoria empresarial, pola que dixo
identificarse cos asistentes ao IV Día do Emprendedor, e animou aos
presentes a desenvolver os seus proxectos.
Entre os relatores que expuxeron as súas experiencias e
reflexións, Pedro Moneo, fundador de Opinno, rede internacional de
innovación aberta que conecta emprendedores, tecnólogos e
inversores, formulou algúns consellos para as empresas de tipo
tecnolóxico que estean á busca de financiamento. Entre outras
receitas, destacou a necesidade de buscar un negocio no que a
rendibilidade sexa “palpable” para o investidor; pedir “o máximo de
diñeiro e aguantar tamén o máximo posible” sen novos
financiamentos; e apostar pola internacionalización, entendida non
só como exportación de produtos, senón tamén como talento ou
interrelación. Na frase ”Adáptate ou morre, e faino rápido”, Moneo
resumiu a tendencia pola cal, segundo o seu criterio, cómpre
apostar: a reinvención de modelos de negocio, mediante o axuste
tanto dos gastos como do plan de negocio; a revisión do nivel de
endebedamento; repensar o xeito de traballo ou como se vende o que
se produce desde a empresa.
HIBRIDACIÓN DE CONCEPTOS
Por outra banda, Antonella Broglia, colaboradora do think tank
Infonomía, analizou onde están as oportunidades de negocio. Como no
caso de Moneo, incidiu na necesidade da “reinvención de modelos” en
época de crise, na que tamén ve oportunidades para os
emprendedores. Broglia puxo como exemplo aos empresarios sociais
que, no mundo dos negocios, ademais de “facer” diñeiro aspiran a
mellorar a sociedade. Exemplos deses novos empresarios son empresas
como a californiana Cleanfish, montada por maiores de 60 anos, e
que promove a pesca artesanal, cunha facturación de 20 millóns de
dólares ao ano, ou Dlight Design, cuxos promotores inventaron unha
lámpada con enerxía solar para países onde a eléctrica non está ao
alcance de todos. Así mesmo, a relatora apuntou os negocios de low
cost, como hoteis que afrontan o empobrecemento das clases medias
con establecementos de cero estrelas.
Como punto final á súa intervención, a italiana subliñou que
os negocios actuais saen da “hibridación de conceptos que xa
existen”: móbiles que localizan caixeiros de banco nunha cidade;
voluntariado e turismo; ou paraugas que se conectan a unha
tecnoloxía que realiza prognósticos do tempo son exemplos de que
fan falla “intelixencia e enxeño” para o emprendemento actual.
RÁPIDA INNOVACIÓN
O exitoso emprendedor e gurú de internet Carlos Barrabés,
promotor de barrabés.com, protagonizou a sesión plenaria, na que
lanzou a mensaxe da necesidade dunha rápida e constante innovación
á hora de emprender. Barrabés sinalou a crise como “o gran momento
dos emprendedores”, xa que permite descubrir novos mercados e
optimizar a eficiencia. Este emprendedor destacou tamén a
importancia de aprender a ver as cousas desde outra perspectiva e
interiorizar o concepto de “facer xa” fronte á formación, á que se
referiu como un elemento do pasado. A observación e o entendemento
da nova realidade son para Barrabés as claves do éxito empresarial.
Pola súa banda, o director da Escola de Negocios Caixanova,
Eduardo García Erquiaga, insistiu en que os tempos de crise son o
mellor momento para emprender. Para Erquiaga, os cambios de hábitos
na sociedade e a necesidade das grandes empresas de reducir
servizos e externalizalos representan oportunidades que deben ser
aproveitadas. En todo caso, o director da Escola de Negocios Caixanova subliñou tamén a necesidade de “estar preparado para
emprender”, xa que os maiores fracasos se dan nos novos negocios
creados por recén licenciados, sen experiencia e relacións
comerciais.
POTENCIALIDADES DA REDE
Enrique Dans, investigador e líder de opinión en Sistemas e
Tecnoloxías da Información, incidiu na súa intervención nas
potencialidades que os emprendedores poden atopar na Rede. Para
Dans, en pouco máis de 10 anos abriuse un camiño polo que calquera
internauta pode crear contidos para a Rede. Segundo este
investigador, todos os empresarios deben aproveitar as redes
sociais, blogs ou aplicacións de Google.
FACTORES DE ÉXITO PARA EMPRENDER
María Teresa Mariño Garrido, da Escola de Negocios Caixanova,
animou aos emprendedores a seren optimistas, malia ás dificultades
que atopen para financiar os seus proxectos. No seu relatorio,
advertiu que a actual coxuntura de crise configura un mercado
financeiro mercado polos “tres ces”: Competitivo, complexo e
concentrado. Neste contexto, só os mellores proxectos obterán
financiamento, polo que é “imprescindible” que o emprendedor teña
confianza no seu proxecto, poña especial atención á hora de decidir
o tipo de socio que quere e que potencie ao máximo o seu proxecto,
deseñando o mellor plan de negocio posible. Como factores de éxito
para emprender destacou a experiencia, a solidez do proxecto, o
equipo humano que o vai levar aidante, a súa vantaxe competitiva e
as garantías que presenta para os posibles financiadores.
SumaComunicación

