Wakayama e Galicia estudan realizar un intercambio xuvenil coa referencia dos camiños de Santiago e Kumano

O director de Planificación e Política da Prefectura de Wakayama (Xapón), Yasufumi Kashihara, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, Ovidio Rodeiro, xa comezaron as conversas neste sentido.
Pola rexión de Wakayama discorre o Camiño Kumano Kodo, que xunto co Camiño de Santiago, son as únicas rotas Patrimonio da Humanidade. De feito, en 1997 asinouse un documento entre os gobernos de Xapón e España, e entre as administracións de Galicia e Wakayama, polo que se irmandaban os dous camiños.
Esta concordancia dispón ás dúas administracións a buscar de cara ao vindeiro ano santo 2010 un programa común que facilite o intercambio de mozos e mozas dos dous países interesados en coñecer culturas moi diferentes, aínda que unidas polas similares características dos seus camiños.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mostrouse disposto a estudar a fórmula máis axeitada para poder realizar estes intercambios, que servirían para consolidar os lazos de unión e amizade entre as dúas rexións. Rodeiro e Yasufumi Kashihara acordaron continuar analizando este proxecto en futuras conversas. De feito, a Dirección Xeral de Xuventude enviará en setembro unha primeira proposta de colaboración.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia