A Consellería de Educación xa ingresou as axudas da Gratuidade Solidaria dos libros para 28.000 escolares
Máis de 220.000 escolares do ensino público galego iniciaron este curso 2009/2010 en 1.200 centros educativos dotados de todos os recursos fundamentais para o seu funcionamento. Así o confirmou o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal Rodríguez e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; José Luís Mira Lema, nunha rolda de prensa de balance da 'volta ao cole', na que estiveron acompañados da subdirectora xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios, Ana Ornilla Guillamón.A subdirectora xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios destacou ademais o esforzo realizado pola Secretaría Xeral de Educación neste inicio de curso “para asegurar que todos os alumnos e alumnas gozaran duns centros educativos nas mellores condicións”. Grazas a un investimento de máis de 9.420.000 euros en novas obras, os rapaces de Cervo teñen este curso novo edificio; mentres que alumnado de Abegondo, Castro Mos , Bueu ou Castrillón viron ampliadas e melloradas as súas aulas e ximnasios.
Ademais, Ana Ornilla anunciou a inminente incorporación ás clases dos nenos e nenas de Ponteareas, que non puideron estrear aínda o novo colexio por un conflito sen resolver entre o Concello e o propietario da leira colindante. A Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra, busca unha alternativa para que estes rapaces poidan volver ás aulas no centro do Val do Tea .
Asimesmo a subdirectora xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios explicou que Educación estuda caso por caso a ampliación dos comedores escolares, tendo en conta as necesidades de cada centro. En todo caso, destacou que o fundamental é facer un uso responsable da marxe presupostaria dispoñible, xa que o anterior equipo da Consellería deixou un déficit de máis de 4,5 millóns de euros neste servizo.
Para aumentar o número de comensais nos comedores escolares a Consellería reorientou a esta partida orzamentaria os tres millóns de euros aforrados co novo sistema de 'Gratuidade Solidaria' para a compra dos libros de texto. O director xeral de Centros deu conta de que 28.000 nenos e nenas xa poden ter libros en propiedade grazas a que xa cobraron as axudas. En total, as familias destes escolares recibiron xa 4.600.000 euros cos que sufragar o coste dos manuais.
O éxito da 'Gratuidade Solidaria' débese en boa parte á colaboración dos centros educativos na tramitación das solicitudes, facendo un esforzo complementario ao que de por si constitúe o inicio de ano académico.
Pinal Rodríguez tamén quixo aclarar que a Consellería de Educación aumentou este curso en 153 o número de profesores no ensino non universitario, para dar resposta ao incremento de alumnos e alumnas matriculado.
Ademais, explicou que a Inspección Educativa analiza as necesidades de cada centro educativo para asignarlle os correspondentes docentes, polo que a adxudicación de prazas aínda non está rematada. A atención aos casos individuais intensifícase no caso do alumnado con necesidades educativas especiais. No presente curso adxudicaranse 1.920 prazas de profesorado que atende necesidades específicas. “Deste xeito a Consellería de Educación no só cumpre cos mínimos marcados por catálogo, senón que ademais incrementa as contratacións con 900 mestres por encima do mínimo que marca a lei”, destacou Pinal.
A Consellería de Educación traballa na posta en valor da figura do docente como transmisor de valores á sociedade, e como mostra do seu compromiso con estes profesionais.
Outra das tarefas ineludibles do departamento de Educación da Xunta de Galicia para este novo curso 2009/2010 era a optimización dos recursos para ofrecer un sistema educativo máis eficaz. Nesta liña de actuación, e tal e como explicou o director xeral de Educación, José Luís Mira; as Escolas Oficiais de Idiomas disporán de máis horas de docencia para poder ampliar a oferta a ata 6.200 estudantes máis.
Sendo consciente do desfase organizativo das EOIs, Mira Lema adiantou que a Dirección Xeral do que é responsable traballa cos equipos directivos das escolas na elaboración dun proceso de matriculación informatizado para evitar as colas que se forman desde hai anos para obter praza.
O director xeral de Educación rematou cualificando de “éxito” a entrada neste novo curso académico, pese ao pouco tempo de preparación do que dispuxo a Consellería.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia

