O CSHG, seleccionada para participar no certame Hyatt Hotels & Resorts
O Centro Superior de Hostelería de Galicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, foi seleccionado entre as 17 mellores escolas de Europa e a única de España para competir no certame que organiza Hyatt Hotels &Resorts, que terá lugar o 16 de decembro, e que elixe ao mellor estudante da industria hosteleira do continente europeo. Segundo a cadea, os motivos desta elección están na “reputación internacional do CSHG, a súa experiencia coa cadea e a calidade do programa educativo e dos seus alumnos”.Despois de pasar dous procesos selectivos -o primeiro, que incluía 17 centros e o segundo, cun total de 13-, o CSHG segue no proceso establecido pola prestixiosa cadea Hyatt Hotels & Resorts, que elexirá a dez finalistas que loitarán por ser o mellor nun concurso que se celebrará no Hotel Park Hyatt París-Vendôme. O xurado estará encabezado por Nikos Aliagas, unha figura de recoñecido prestixio nos medios de comunicación franceses e por outros nove profesionais de diferentes sectores que avaliarán a capacidade, as habilidades, a experiencia e a personalidade dos concursantes.
O Centro Superior de Hostelería de Galicia ten entre os seus alumnos a Pedro Miguel Domingues Grilo Nora, seleccionado para participar no certame que organiza Hyatt Hotels & Resorts e que elixe ao mellor estudante da industria hosteleira do continente europeo. Grilo Nora xa se atopa na final do concurso entre os dez candidatos ao premio que consiste en permanecer unha semana na base de operacións central da cadea en Chicago. O estudante galardoado co segundo premio estará unha semana na base de operacións rexional en Zurich e o terceiro premiado coñecerá durante unha semana os hoteis da cadea en París (Park Hyatt París-Vendôme, Hyatt Regency París Madeleine e Hyatt Regency París- Charles de Gaulle).
O CSHG elixiu a Pedro Miguel Domingues, un alumno de último ano do Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hosteleiras, que realizou prácticas nos Ritz Carlton Penhalonga de Sintra (Portugal), Madrid e Powerscourt (Irlanda) e no Four Seasons Resorts Provence At Terre Blanche (Francia). Este mozo de 23 anos está moi ilusionado con esta oportunidade. “É un orgullo representar ao CSHG neste certame, pero tamén unha grande responsabilidade porque vou representar a todos os estudantes e a un centro que leva 15 anos formando a excelentes profesionais hosteleiros”, declarou Domingues. Así mesmo, sinalou que é unha oportunidade única para contactar con outros estudantes europeos e unha ocasión para entrar a formar parte dunha cadea de prestixio.
Para participar no certame Pedro Miguel Domingues tivo que encher unha solicitude de inscrición, axuntar o seu currículo e contestar a tres preguntas: ¿que o motivou a participar?, ¿por que elixiu a hostelería como a súa profesión? E ¿onde se ve traballando en cinco anos?. Para o Centro Superior de Hostelería de Galicia foi unha grata nova ser elixido para participar. Segundo Patricia Cuevas, directora do CSHG, “foi fabuloso ser elixido por Hyatt para participar nun evento no que se premia aos mellores profesionais novos, estamos orgullosos e agradecidos e participar é xa todo un éxito para o Centro”.
Hyatt Hotels Corporation, con sede en Chicago, é unha compañía con presenza en 45 países, con 380 hoteis e resorts.
Graduación de directivos hostaleiros
Doutra banda, o CSHG celebrará o xoves 3 de decembro o acto de graduación de 134 alumnos que remataron os seus estudos no curso 2008-2009. O acto terá lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela a partir das 13.00 horas e contará coa presenza do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, ademais dunha numerosa representación de familiares e de hostaleiros galegos e do resto do Estado. No acto tamén estará Simón Pedro Barceló, copresidente de Barceló Hotels & Resorts, que este ano será o padriño da promoción.
En total gradúanse 61 alumnos en Diploma en Xestión de Empresas Hostaleiras (XIII promoción) e 51 de Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras (XI promoción). Son profesionais que saen ao mercado laboral para traballar en dirección de hoteis, nas centrais das grandes empresas turísticas e cadeas hostaleiras e postos directivos hostaleiros de administración e finanzas, marketing e vendas, recursos humanos, xestión de aloxamento e xestión de alimentos e bebidas. Tamén serán distinguidos 22 alumnos de Certificado de Elaboración e Xestión de Cociña (XIV promoción) que, tras dous anos de estudos están preparados para abordar funcións de xestor en cociña en hoteis, restaurantes ou negocios independentes.
Ademais, o CSHG recoñecerá os mellores traballos de Diploma de Establecementos Hostaleiros e Certificado de Elaboración e Xestión de Cociña no acto do venres. Despois de varios anos de estudos (tres e dous, respectivamente), tódolos alumnos forman grupos para presentar un proxecto de viabilidade empresarial. Normalmente, son proxectos onde se recolle todo o necesario para a posta en marcha dun establecemento hostaleiro: desde a adquisición do terreo e a promoción do negocio cos estudos económicos pertinentes, pasando pola promoción do hotel, o deseño da imaxe corporativa, a dotación de mobiliario, ata a creación dos diferentes departamentos, a contratación do persoal e a descrición de tarefas e postos de traballo. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) entregará as distincións aos alumnos de Diploma, mentres que a Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (CEHOSGA) o fará cos alumnos de Certificado.
O Grupo Barceló, creado en Palma de Mallorca (España) fai máis de 75 anos, é unha das compañías turísticas líderes do mercado español e unha das máis importantes do mundo. A través da súa división hoteleira e da súa división de viaxes, a empresa conta con máis de 185 hoteis en 15 países e 506 axencias de viaxes en 23 países. A propiedad do grupo está en mans da familia Barceló desde hai 3 xeracións.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia

