Ir o contido principal
iniciar sesión

Ritz-Carlton busca alumnos de dirección hoteleira no CSHG

Responsables da cadea hoteleira Ritz Carlton acoden ao Centro Superior de Hostelería de Galicia para facer unha presentación da empresa aos alumnos. A finalidade da acción é captar alumnos en prácticas en dirección hoteleira (3º de Diploma de Xestión de Empresas Hostaleiras e de Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras). Así, mañá terán lugar as entrevistas persoais entre os alumnos e a cadea, que conta con 71 hoteis de luxo nas capitais e principais cidades de 23 países.

Entre xaneiro e marzo, as principais cadeas hoteleiras e establecementos hosteleiros, visitan o CSHG para darse a coñecer e captar alumnos. Ademais de Ritz-Carlton, polo Centro tamén pasarán Barceló, NH, Sol Meliá, Fiesta, Marriot, Sheraton, Vincci, AC, Hesperia, Accor, Riu, Paradores, Iberostar, Hyatt ou Mandarín. O obxectivo é que os case 400 alumnos que estudan no Centro fagan prácticas de verán, que teñen unha duración que oscila entre as 10 semanas (Diploma de Xestión de Empresas Hostaleiras e Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña) e as 20 semanas (Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras).

A formación no CSHG ofrece aos alumnos a oportunidade de facer prácticas todos os anos en establecementos hostaleiros de todo o mundo. As prácticas son obrigatorias porque é unha parte máis do plan de estudos que os propios alumnos deben superar se queren pasar de curso.

O obxectivo principal é que o alumno coñeza en profundidade os departamentos operativos (Servizos, Cociña e Aloxamento) e de xestión de hoteis, perciba a realidade do sector e poña en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso para adaptalos á realidade hostaleira.

O curso pasado, os alumnos estiveron de prácticas en hoteis de toda España e noutros países como China, México, Angola, Israel, Vietnam, Túnez, Mónaco, Xamaica, República Dominicana, Holanda, Alemaña, Inglaterra, Irlanda, Portugal, Bélxica, Francia, Luxemburgo, Malta e República Checa.

O Centro Superior de Hostelaría de Galicia (CSHG), esta na Barcia, en Santiago de Compostela. Integrado na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, TURGALICIA, S.A. e vinculado á Universidade de Santiago de Compostela, iniciou o seu labor docente no 1994 co obxectivo de satisfacer unha demanda do sector turístico e da hostalería de Galicia. Na actualidade conta con 400 alumnos, futuros directivos hostaleiros e máis de 1.400 ex alumnos que traballan en establecementos hostaleiros de todo o mundo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia