Ir o contido principal
iniciar sesión

A 11º Xuventude Galicia Net congrega en Compostela a uns 5.000 mozos e mozas

Xuventude Galicia Net, o maior encontro tecnolóxico da Comunidade autónoma, arranca no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago. No evento, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e cumpre este ano a súa undécima edición, prevese a participación de preto de 5.000 mozos ata o domingo 28 de marzo, xornada na que rematará a xuntanza da mocidade que acudirá con seus propios ordenadores para conectarse entre eles mediante unha rede local.

Os mozos e mozas que cursaron a súa preinscrición para participar na intranet e nos diferentes obradoiros que se levarán a cabo superan os 1.600, pero, ademais, a Xunta estima que outras 3.000 persoas acudan ás diferentes actividades que se organizarán para todos os públicos. Neste sentido, unha das grandes novidades este ano da ‘Lan party’ (Local Area Network Party) é apertura dos talleres ao público en xeral.

Con esta aposta, Xuventude Galicia Net transformarase este ano nun espazo para a aprendizaxe, xa que o público en xeral poderá acceder a obradoiros centrados en novas metodoloxías e linguaxes de desenrolo, deseño web ou software libre. Ademais, haberá obradoiros lúdicos centrados no ámbito do ocio. Estas actividades desenvolveranse durante os tres días que dura o evento.

Entre este tipo de actividades destaca, por exemplo, a proxección da película Pinocho 3000 o sábado a partir das 12.30 horas.

Tres sectores

A ‘Lan party’ será, como noutras ocasións, un espazo de encontro xuvenil, de formación, de iniciación ao mundo dixital e, en definitiva, un marco ideal para o intercambio de datos e experiencias e para dar a coñecer os últimos avances tecnolóxicos e, por suposto, para a potenciación do software libre.

Xuventude Galicia Net dividirase este ano en tres sectores cun único obxectivo: a aprendizaxe e o manexo das novas tecnoloxías.

Así, o primeiro espazo, denomínase Intranet, que será o corazón da party. Para participar só é necesario levar o ordenador e alí poranse a disposición dos asistentes 40 quilómetros de cable e velocidade de conexión de 1 xigabit.

Esta zona da party non só consiste en pasar horas diante da pantalla do ordenador, xa que dentro do recinto do Palacio de Congresos tamén se disputarán concursos, campionatos e xincanas de temática tecnolóxica.

Os concursos son unha constante neste tipo de eventos. Cada ano a oferta é máis amplía e, por iso, na undécima edición os usuarios de Intranet poderán participar por primeira vez en campionatos de lanzamento de CD, dobraxe, foto, vídeo ou deseño 2D e 3D.

Con respecto aos torneos, disporase dunha web interna de xogos onde se anunciarán todas as roldas e as horas do xogo que lle toque a cada participante.

O segundo dos espazos, Extranet, supón outra forma de participar no evento. O acceso é de balde e aberto para todos os públicos. Esta zona situarase este ano no recinto exterior do Pazo de Congresos e Exposicións. Habilitarase unha carpa cuberta de 600 metros cadrados durante os tres días, onde terán lugar diversas actividades de ocio dirixidas a toda a familia.

Extranet contará como novidade nesta undécima edición cun futbolín, un toro mecánico, obradoiros de globoflexia, de defensa persoal e de esgrima antiga europea.

Entre todos os asistentes entregaranse papeletas para unha rifa na que se sortearán diferentes premios, como consolas, xogos para consolas e máis dun ordenador portátil, o domingo 28 pola mañá no auditorio do Palacio de Congresos.

Os obradoiros

Na terceira das zonas de Xuventude Galicia Net emprazaranse os obradoiros. O obxectivo de todas as actividades que se levarán a cabo neste espazo é afondar un pouco máis nas novas metodoloxías. Entre os talleres que se ofertarán destacan temáticas de fotografía, redes sociais, traballo e modelos de negocio en Internet ou traballo e modelos de negocio en Internet.

Xuventude Galicia Net non é a única party que se celebra en Galicia. De feito, existen outras a nivel rexional como é o caso da ‘Arroutada Party’ da Coruña, a ‘Kutruparty’ da Estrada e a ‘Arousa Party’ de Vilanova.

A intención da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é crear a longo prazo unha rede de partys galegas para xuntar os esforzos e deste xeito poñer a Galicia nos primeiros postos a nivel nacional da formación continua nas novas tecnoloxías.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia