Ir o contido principal
iniciar sesión

Do 5 ao 9 de abril celébrase a II Semana do Teatro Afeccioado de Tui

O Teatro Municipal de Tui acolle do luns 5 ao venres 9 de abril, coincidindo coas Festas de San Telmo a II Semana do Teatro Afeccionado organizada pola Concellería de Cultura de Tui. A iniciativa que se puxo en marcha o ano pasado contou con gran éxito de público e foi valorada positivamente polas asociacións de tal xeito que o Departamento de Cultura organizou esta segunda edición.

Esta actividade foi presentada en rolda de prensa polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, e un representante de cada un dos grupos que van actuar.

Esta II Semana do Teatro Afeccionado comezará o luns a cargo do grupo de teatro da Asociación Cultural “San Fins” de Rebordáns que porá en escena “O cego de Fornelos”. O martes días 6 será a quenda do grupo “Caldemiños” da Asociación Cultural “A Insua” de Caldelas con “Os borrachíns”. O mércores a cita será co grupo de teatro “Atalaia” do Centro Sociocomunitario de Tui que presenta “A Herdanza”. O xoves “Mesturanzas” da Asociación Cultural “Seixos Albos” de Areas porá en escena “As fillas do taberneiro”. E por último venres actuará o grupo de teatro do Centro San Xerome coa obra “Son nú” que inclúe e a actuación do grupo Xerock.

Todas as representación comezarán ás nove da noite. A entrada, sen numerar, ten un custe dun euro, e debe retirarse dende hora e media antes da función no despacho de billetes.

Con esta actividade a Concellería de Cultura fai unha aposta polos grupos de teatro afeccionados que hai nos centros culturais das parroquias tudenses, así coma do Centro Sociomunitario de Tui e do Centro San Xerome da Guarda brindándolles a oportunidade poder actuar no Teatro Municipal con toda a infraestrutura precisa e nas mesmas condicións que unha compañía profesional. O edil de Cultura, Moisés Rodríguez, salientou amais que a “cultura da cidade está viva e activa grazas ao traballo de moitas persoas” en relación as actividades que se desenvolven nos centros culturais da parroquias. Desexou que o público volva encher o teatro coma en 2009.

Pola súa parte o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, manifestaba que “non hai mellor forma de comezar as Festas de San Telmo que coa nosa xente” en referencia aos grupos que van participar nesta Semana.

Os representantes dos distintos grupos teatrais amosaron o seu agradecemento por poder actuar na Área Panorámica. Así Cristina Fernández do Centro Cultural San Fins daba as grazas por esta oportunidade, engadindo que “é un privilexio actuar na Área Panorámica”. Pilar Villaverde do grupo Caldemiños expuña que a obra “Os borrachíns” que van representar está ambientada no rural galego.

Maximino Fernández do grupo Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui agradeceu ao concello esta oportunidade e fixo unha invitación ao público a acudir. Mentres Tomás Alonso do Centro Cultural Seixos Albos de Areas explicaba que “As fillas do taberneiro”, a obra que van representar, “é divertida para que a xente poida disfrutar dela”.
Por último Feliciano Valcárcel do Centro San Xerome falaba de “Son nú” a obra da Fundación Igualarte dirixida por Cristina Lago e Yolanda Honrubia que está interpretada por 7 bailaríns e 5 músicos. Ao remate da representación actuará o grupo Xerock coma explicaba Carlos, un dos seus integrantes.

II Semana do Teatro Afeccionado de Tui

Lugar: Teatro Municipal de Tui

Programación:

• Luns 5 ás 21h
o Grupo de teatro da Asociación Cultural “San Fins” de Rebordáns con “O cego de Fornelos”
• Martes 6 ás 21h
o Grupo “Caldemiños” da Asociación Cultural “A Insua” de Caldelas con “Os borrachíns”.
• Mércores 7 ás 21h
o O grupo de teatro “Atalaia” do Centro Sociocomunitario de Tui con “A Herdanza”.
• Xoves 8 ás 21h
o O grupo “Mesturanzas” da Asociación Cultural “Seixos Albos” de Areas con “As fillas do taberneiro”.
• Venres 9 ás 21h
o O grupo de teatro do Centro San Xerome coa obra “Son nú” que inclúe e a actuación do grupo Xerock.

Entradas: 1€ - á venda dende ás 19.30h

Gabinete de Comunicación do Concello de Tui