A Xunta apoia ao SUG para facelo forte, competitivo e con proxección exterior

Pola súa banda, Feijóo, que participou no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira, garantiu o compromiso do Goberno galego con todas as iniciativas “que permitan –dixo- un Sistema Universitario galego máis forte e competitivo, que se proxecte cara ao exterior, sempre, desde a colaboración e a cooperación interna”.
“Galicia é consciente do reto que supón estar ao nivel do sistema educativo europeo. Neste sentido, as nosas universidades saben ben da importancia dunha oferta de títulos coherente, racional e adaptada ás necesidades formativas que reclama o mercado laboral. Aínda que é certo que, no contexto do espazo europeo, as universidades están chamadas a competir, non é menos certo que só a competencia desde a cooperación permitirá a Galicia acadar o lugar que merece no panorama nacional e internacional universitario”, reiterou.
A educación, peza clave do desenvolvemento e o progreso
Para o titular do Executivo autonómico, a educación constitúe un dos máis potentes instrumentos para construír unha sociedade avanzada que aposte polo desenvolvemento e o progreso.
“Vos sodes un dos valores principais da nosa sociedade e motor de novos modelos de crecemento baseados no saber, no coñecemento, a innovación e a cultura; vos sodes pezas clave da nosa sociedade futura, e estades chamados a traballar pola modernización e o futuro de Galicia. Precisamos da vosa implicación no proxecto colectivo de mellorar Galicia”, afirmou o presidente galego, logo de felicitar aos 62 alumnos premiados e á comunidade universitaria.
Por último, Feijóo subliñou a importancia do coñecemento de varias linguas para lograr unha Galicia competitiva que se sitúe á cabeza de Europa “en crecemento, creatividade e, en definitiva, en benestar e en liberdade”.
“É tempo de facer unha instrospección doméstica e preguntarnos qué podemos facer para que a nosa forza non se disipe e aproveitar todo o noso potencial. A Galicia Global non é unha idea teórica, senón unha esixencia ineludible para que o noso país aproveite todas as súas capacidades no escenario global no que nos inserimos. Tamén no ámbito educativo”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia