Ir o contido principal
iniciar sesión

A Fundación Galicia Europa premia o esforzo de alumnos da USC Sócrates-Erasmus 2004-05 na aprendizaxe de idiomas

As bolsas, que premian aos catro estudiantes máis destacados destes cursos, teñen por obxecto servir como estímulo tanto para promover a mobilidade dos estudiantes coma a aprendizaxe das linguas da UE. Os beneficiarios das axudas foron Ana Bulnes Fraga e Xiana Vilas Castro, ambas as dúas coa Universidade Karlova de Praga como destino dos seus estudos este curso, Cristina Mª Casais López que estudará na Universidade irlandesa de Cork, e Emma Suárez Nieto que fará o correspondente nunha institución inglesa.
O acto de entrega das bolsas estivo presidido polo vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión Docente da USC, Marcelino Agís Villaverde, para quen esta iniciativa marca un camiño de colaboración entre a Fundación e a institución docente compostelá. Asistiron ademais o subdirector da Fundación Galicia Europa, Manuel Morán, o director do Centro de Linguas Modernas da USC, José Manuel Pérez Pena, e a coordinadora da Oficina Europea de Información Xuvenil, Pilar del Oro.
A importancia das linguas europeas como signo de diversidade na unidade da UE foi resaltado por Manuel Morán, quen se congratulou de que a Fundación axude en iniciativas que implican á xente nova no coñecemento doutras culturas. Pola súa banda, o director do Centro de Linguas Modernas expresou a súa vontade de que esta experiencia continúe no tempo.
Coa convocatoria do Centro de Linguas Modernas de cursos de verán para bolseiros Sócrates-Erasmus da USC, en xullo do 2004, iniciouse unha colaboración entre ese centro e a Fundación Galicia Europa para promover a aprendizaxe de linguas estranxeiras entre os estudantes da USC. Esta primeira experiencia piloto consistíu na oferta de cursos intensivos de lingua inglesa, francesa, alemana, italiana e checa, deseñados para estudantes que posuían unha bolsa Sócrates-Erasmus. As clases non se centran tanto nos coñecementos lingüísticos en si senón máis ben na práctica daquelas destrezas e vocabulario específico que lles será útil aos bolseiros Sócrates-Erasmus durante a súa estanza nunha universidade estranxeira.
A partir do presente curso 2004-05 o Centro de Linguas Modernas e a Fundación Galicia Europa continuarán a colaborar e ampliar os recursos para poder incrementar o número de alumnos benecifiarios da iniciativa.
Gabinete de Comunicación USC