Ir o contido principal
iniciar sesión

A USC e a Consellaría de Educación recoñecen a correspondencia académica entre ciclos formativos de FP e materias de estudos universitarios de 1º Ciclo

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e mailo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás, asinaron un convenio de recoñecemento, con carácter experimental, da correspondencia académica entre Ciclos Formativos de Grao Superior da Formación Profesional específica e materias dos estudos universitarios de Primeiro Ciclo. A sinatura desenvolveuse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome e nel estiveron presentes ademais o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Cástor Méndez, e a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Pilar Mar Pérez Marsó.
Tras a sinatura, Celso Currás explicou que este convenio permite achegar posturas entre o mundo universitario e o non universitario na medida en que son espazos chamados a coordinarse, porque aínda que representan obxectivos e niveis educacionais distintos presentan numerosos puntos en comúns. Pola súa banda, o reitor da USC sinalou que esta iniciativa piloto é un recoñecemento á calidade formativa ofrecida nos ciclos formativos, cun deseño curricular óptimo e un destacado grao de calidade na formación.
Con este convenio, cunha vixencia de dous anos dende a súa sinatura, preténdese facilitar por medio dunha experiencia piloto o acceso dos titulados técnicos superiores da formación profesional específica aos estudos universitarios de primeiro ciclo e recoñecerlles a formación adquirida no ciclo formativo superior que teñan cursado. Así o convenio permitirá validar créditos de materias troncais, obrigatorias, de libre elección ou optativas de oito titulacións universitarias de Primeiro Ciclo, con titulacións de tres Familias Profesionais diferentes.
Esta experiencia, a implementar no curso 2004-2005, será de aplicación aos titulados técnicos superiores dos ciclos formativos procedentes de calquera centro de ensinanza secundaria de Galicia que accedan a estudos universitarios de primeiro ciclo nos centros docentes da USC, respectando o proceso xeral de preinscrición universitaria e unha vez que acadaran o acceso á universidade. Na aplicación das validación establecidas no presente convenio o alumnado devengará as taxas correspondentes como materias validadas, e a cualificación das mesma será a nota media obtida polo alumno no ciclo formativo, agás as de libre elección nas que a cualificación será a de apto.
Coa finalidade de afondar nos mecanismos de cooperación que resforcen esta experiencia piloto, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago establecerán liñas de actuación que faciliten o intercambio de recursos formativos e metodolóxicos e o acceso aos fondos bibliográficos e de información técnica. Ademais, os resultados desta experiencia piloto permitirán ampliar en cursos sucesivos o número de créditos e de titulacións universitarias obxecto da validación, incrementando o número de carreiras universitarias nas que se poderán realizar convalidacións.
Materias obxecto de validación nos estudos universitarios
Coa sinatura deste convenio, as validacións que poderán formalizar os graduados en ciclos formativos superiores concéntranse nas Diplomaturas en Enfermería, tanto nos campus de Santiago como no de Lugo, e Educación Social, así como nas Enxeñerías Técnicas Agrícolas en Industrias Agrarias e Alimentarias, en Mecanización e Construcións Rurais, en Hortofruticultura e Xardinería, en Explotacións Agropecuarias, e en Explotacións Forestais.
Gabinete de Comunicación USC