Carmen García González, premiada no concurso escolar Qué é un rei para ti?

Este ano a galardoada foi Carmen García González, alumna de 1º da ESO no IES Carlos Casares de Vigo, quen presentará en persoa o seu traballo ao Rei, nunha audiencia compartida cos rapaces gañadores no resto das comunidades autónomas.
Durante o acto, Vázquez Abad amosouse satisfeito pola alta participación galega neste certame, ao que a Comunidade presentou nesta edición 2.186 traballos de alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO. O conselleiro de Educación dirixiuse a todos os participantes para “transmitirlles os meus parabéns pola orixinalidade e a creatividade demostrada nos traballos que optan ao galardón”. Ademais, felicitou aos “vosos educadores que, respectando as ideas orixinais, foron quen de orientalas”.
Vázquez Abad fixo fincapé na importancia deste certame como “primeira toma de contacto coa historia da Coroa e co seu papel nun Estado democrático de Dereito, desde a asunción dos seus deberes e obrigas establecidos pola Constitución”. Así mesmo, o conselleiro valorou a oportunidade que constitúe o concurso para os escolares, “xa que lles permite achegarse á personalidade humana de Don Juan Carlos I, e coñecer as características e a importancia das súas funcións”. Neste sentido, Xesús Vázquez animou aos escolares a “formarvos academicamente e persoalmente como cidadáns libres e participativos, quen de tomar decisión e de vos implicar activamente no funcionamento da nosa sociedade”.
No acto estiveron presentes tamén o presidente da Fundación Institucional Española (FIES), Rafael Guardáns Cambó, e o director xeral da Fundación Orange, Manuel Gimeno; organizadora e patrocinadora respectivamente do concurso. Así mesmo asistiu o secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.
Exposición de traballos finalistas
Ademais da entrega do premio, no MUPEGA expuxéronse as 4 obras finalistas galegas, procedentes de 16 colexios. Por cuarto ano consecutivo, as nenas e nenos puideron presentar tamén traballos en calquera formato multimedia, como vídeos, deseños de páxinas web ou creacións de arte dixital
Os 13 mellores traballos a nivel estatal da modalidade multimedia – cuxo gañador foi escollido a tra vés dunha votación online o pasado 17 de maio, Día da Internet- serán amosado nunha exposición virtual itinerante, impulsada pola Fundación Orange.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia