Ir o contido principal
iniciar sesión

Remata o prazo para inscribirse no programa EuroPracticum da USC

O Consello Social e a Área de Orientación e Inserción Laboral do Campus de Lugo desenvolven a segunda edición deste proxecto pola que a USC oferta prácticas remuneradas aos seus titulados en empresas da Unión Europea. Os interesados en adherirse a esta proposta comunitaria poderán inscribirse no Consello Social da USC e na Área de Orientación e Inserción Laboral do Campus de Lugo. Nesta edición do Proxecto EuroPracticum poderán participar os titulados pola Universidade de Santiago dende xaneiro de 2001 ata xullo de 2004, agás aqueles que presenten unha experiencia laboral de máis de 365 días en postos de traballo relacionados cos seus estudos, nin os que con anterioridade fosen beneficiarios doutra bolsa do Programa Leonardo da Vinci.
Exames de idiomas
Os participantes no Programa deberán superar unha proba de idioma que se celebrará de xeito simultáneo nos campus de Santiago e Lugo. Así, o xoves 14 de outubro terá lugar a proba de portugués ás 10:00 horas, de alemán ás 12:30 e de inglés ás 16:00. O venres 15 de outubro celebraranse os exames de francés ás 10:00 horas e de italiano ás 12:30. As aulas de celebración das probas anunciaranse na primeira semana de outubro. Os titulados que desexen realizar estas probas de idiomas no Campus de Lugo terán que confirmalo por e-mail a europracticum@usc.es indicando o seu nome completo, o DNI e a proba á que quere asistir. No caso de non formalizar este trámite entenderase que desexa realizar o exame en Santiago.
Gabinete Comunicación USC