Ir o contido principal
iniciar sesión

O escritor melidense Xosé García gaña o Meiga Moira de Literatura Infantil

A obra galardoada foi O lume dos soños –presentada baixo o lema de Álvaro Edén-, e será publicada en breve. Ademais, tamén se fixo merecente dos 2.500 euros con que estaba dotado o concurso. O xurado emitiu o seu fallo o pasado 27 de setembro, e estivo integrado polo profesor de Literatura Galega na Universidade da Coruña, Carlos Paulo Martínez Pereiro, a profesora de galego no ensino medio Dores Fernández López, e os escritores Cristina Sáez Cázallas e Xavier Barreiro Liz, que actuaron de vocais; María Belén López Vázquez representou a Baía Edicións e fixo de secretaria. O libro gañador editarase baixo o pseudónimo de Cibrán Ulloa, nome que pretende ser unha homenaxe á terra de Palas de Rei, na provincia de Lugo, onde o autor ten afundidas as súas raíces. Xosé García xa publicara hai catro anos o poemario Presencia da Fenda, que obtivera o Premio de Poesía Letras de Cal e foi publicado pola editorial homónima. Para Xosé García este premio agacha moitos anos de traballo dedicados á literatura e supón unha recompensa que me animará a seguir queimando horas e neuronas nun labor que non sempre acada o recoñecemento que a un lle gustaría que tivese. Nesta ocasión, afortunadamente, os fados puxéronse da miña parte. O escritor melidense engadiu, con respecto á obra gañadora, que pretende ser unha reivindicación do dereito a soñar con outras realidades ou, cando menos, cun mundo mellor ca este no que nos tocou vivir e no que a imaxinación e a fantasía corren o risco de converterse nunha simple mercadoría en troques de seguiren como as ferramentas de liberdade que son. En canto a Baía Edicións, fixo público un comunicado no que afirmou que, con este premio desexa potenciar a colección Meiga Moira e que esta sexa unha contribución singular, dentro do panorama editorial galego, para a aparición de obras de todos os xéneros encamiñadas a dotar de mundos literarios propios e de incentivos creativos que posibiliten que o noso idioma cree pouso tamén entre os galegos e galegas máis novos.
Polo demais, Xosé García é xornalista e iniciou a súa carreira profesional en La Voz de Galicia. Actualmente é o responsábel de prensa do Sindicato Labrego Galego, dirixe o periódico Fouce, e colabora co semanario A Nosa Terra.
Baía Edicións